Cabarcos Quintela, Enrique

Cabarcos Quintela, Enrique

Artista plástico. Iniciou a súa andaina artística en Lugo en 1975, dedicándose ao deseño gráfico e á ilustración. Nese ano trasladouse á Coruña onde instalou o seu estudio, Factoría Gráfica. Durante os anos oitenta empregou na ilustración a técnica da aerografía; expuxo tamén no VII Salón Internacional do Cómic e da Ilustración (Barcelona) e na VI Bienal Internacional de Arte de Vilanova da Cerveira (Portugal). Máis tarde comezou a traballar co ordenador nos estudios de reconstrución arqueolóxica; con el realizou unha serie de cinco vistas da evolución do primitivo faro romano da Torre de Hércules, dende a súa construción ata o s XV. Realizou traballos de planos urbanos e deseños das imaxes corporativas de diferentes empresas. Participou como pintor na I Mostra Unión Fenosa (1989) e no VII Certame de Pintura do Concello de Cambre. En 1992 realizou a súa primeira exposición individual na Coruña. En xuño do 2000 inaugurou, tamén na Coruña, a primeira exposición de arte dixital que se celebrou en Galicia, ao mesmo tempo que comezou a publicar os seus traballos na Internet a través da páxina web de Factoría Gráfica. Publicou: Fotos no túnel, POSTAlart, La Mirada del Faro, Galicia é cor e cor, OFFs, Fragmentos de Cinco Ballets, Noite de Cans, Xogo de Copas e Nú na escaleira.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilalba