Cabeza de Manzaneda
Pequeno subsistema montañoso da vertente oriental da serra de Queixa, no chamado macizo de Manzaneda. Esténdese polo territorio das parroquias de Cernado, Paradela ambas as dúas no concello de Manzaneda, Pena Petada e Somoza (concello da Pobra de Trives), sobre un contexto litolóxico dominado polo granito e afectado polo modelado glaciar. O seu cumio é o pico da Cabeza Grande, que acada os 1.782 m de altitude, na parroquia de Cernado. En Cabeza de Manzaneda radica a única estación de inverno existente na Comunidade Autónoma, creada en maio de 1972, con pistas habilitadas para a práctica do esquí. Ademais da práctica dos deportes especificamente invernais, a oferta lúdica da estación de montaña diversificouse, favorecida pola introdución de novas disciplinas deportivas e actividades na natureza, e, sobre todo, polo proceso de popularización das vacacións e do tempo de lecer. Deste xeito, Cabeza de Manzaneda converteuse nun centro de ocio aberto todo o ano, que é aproveitado entre outras actividades, para a celebración de colonias e campamentos xuvenís no verán, ou para concentracións e preparación de atletas e equipos deportivos profesionais de distintas especialidades, mesmo equipos de fútbol como o Real Club Celta de Vigo, o Real Madrid Club de Fútbol ou o Real Betis Balompié.