Cabezas del Toro, Wenceslao
Bailarín e gaiteiro. Coñecido como Polo, en 1958 ingresou no grupo Vento das Cíes, sendo o seu mestre José Iglesias Nieto, máis coñecido como Melitón. Aos dezaseis anos comezou a impartir as súas primeiras clases de baile galego e en 1966 participou no Festival Danzas de España de TVE, no que obtivo o terceiro premio co grupo Coros y Danzas de Vigo. En 1986 incluíu o grupo Coros y Danzas na Escola de Danza do Concello de Vigo, da que era director dende 1979. Impartiu clases de baile galego e percusión en institucións, colexios, asociacións e nos centros galegos de México, Venezuela, Chile e Lisboa; dirixiu o grupo Coros y Danzas da Sección Femenina de Vigo (1965-1986), Baiona (1970-1985), Redondela (1973-1983) e Tui (1972-1973); actuou en Galicia, Francia, Italia, Suíza, etc, e organizou o Día da Muiñeira e a Mostra do Traxe Tradicional. Gravou discos con Os Cruceiros (1970 e 1971), Airiños do Parque de Castrelos (1972-1979), Antón Corral e Carlos Núñez (1987), Ricardo Portela (1987, 1992 e 1993), The Chieftains e Carlos Núñez (1994) e Carlos Núñez (1996). Publicou o libro Airiños do Parque de Castrelos (1993). Entre 1970 e 1985 foi galardoado con primeiros premios como gaiteiro e bailarín nas Xornadas de Folclore Galego en Santiago de Compostela, recibiu a Medalla de Prata do Concello de Vigo (1966), a condecoración de Vigués Distinguido do Concello de Vigo (1993) e a Medalla de Galicia (1998), concedida pola conservación e difusión da música e danza tradicional.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo