Cabo, O
Rexión histórica ao S da República Sudafricana que, dende a aprobación da Constitución provisional de 1997, se dividiu en tres provincias: Cabo Occidental, Cabo Oriental e Cabo Setentrional. O Cabo Occidental (129.370 km2; 4.118.000 h [1996]) ten a capital en Cidade do Cabo. O seu relevo está constituído por cadeas montañosas de dobramento, paralelas ao litoral. O clima e a vexetación son de tipo mediterráneo. Entre os núcleos de poboación destaca Worcester. A agricultura é a principal actividade económica, destacando a viña, os cereais e os cítricos. O Cabo Setentrional (361.830 km2; 746.000 h [1996]) ten a súa capital en Kimberley. O relevo está formado principalmente por un conxunto de altiplanos interiores, drenados polo río Orange e polos seus tributarios. O clima presenta certa aridez. Son de grande importancia os xacementos mineiros, concretamente os diamantes en Kimberley e o cobre en Postmasburg. O Cabo Oriental (169.580 km2; 5.865.000 h [1996]) ten a súa capital en Bisho. O relevo está formado por unha estreita chaira litoral que se eleva cara ao interior onde se atopan os montes Stormberg e Drakensberg. O clima caracterízase polas chuvias abundantes e ben repartidas. Destacan como núcleos de poboación Port Elizabeth (853.204 h), East London (102.325 h) e Queenstown, onde se estableceron os principais centros industriais da rexión. A exploración desta rexión iniciárona os portugueses cando Bartolomeu Dias dobrou o Cabo de Boa Esperanza en 1487. A colonización iniciouse en 1652, cando a Compañía Holandesa das Indias Orientais estableceu alí unha base. Os colonos neerlandeses, chamados bóers, someteron os antigos habitantes, hotentotes e bosquimanos, e ocuparon o seu territorio. Acolleron novos inmigrantes alemáns e escandinavos mentres os hugonotes franceses foron expulsados. En 1818 a provincia foi anexionada a Gran Bretaña, que ocupara o Cabo entre 1795 e 1802. Os bóers, para fuxir da dominación británica, emigraron ao L e ao N e instaláronse en Transvaal e Orange, onde formaron repúblicas independentes. O descubrimento das minas de diamantes en Kimberley (1867) e de ouro en Transvaal (1886) iniciou unha emigración masiva que deu lugar á Guerra Anglo-bóer (1899). En 1910 entrou a formar parte das catro provincias da Unión Sudafricana.