caciquismo
(< cacique)
Sistema político no que se manifestou o clientelismo electoral nas sociedades rurais con pouco nivel de desenvolvemento e instrución; o caciquismo nas cidades e nas zonas obreiras era máis difícil, pero tamén se rexistrou. Caracterízase pola continuada influencia que exercen persoas dominantes na sociedade pola súa profesión (mestres, médicos, avogados, etc), polo seu labor ideolóxico (cregos) ou pola súa riqueza (banqueiros, empresarios, etc), que constituían a oligarquía local e servían de enlace entre o poder e os habitantes do lugar. O cacique desenvolvía actividades políticas sen estar instituído de ningunha investidura xurídica que lle acreditase esa función: o cacique non era o político electo, senón o “compoñedor” dos resultados electorais a través da práctica do clientelismo, o favoritismo e o pucherazo. Neste sentido, o caciquismo funcionou como un instrumento electoral que, dentro dunha racionalidade política, ao abeiro dunha lexislación determinada e nunha democracia parlamentaria, impedía o acceso ao poder de calquera forza política allea ao sistema establecido. Esta manipulación electoral conseguiu, sen embargo, un nivel de aceptación social suficiente como para que a sociedade non se revelase contra el debido a que ofrecía algo máis que corrupción, opresión política e inxustiza. O caciquismo favorecía o suficiente número de familias, das que dependían outras por sangue ou amizade, garantíndolles resolucións xurídicas favorables, contribucións máis benignas, concesións de licencias, exencións do servizo militar, estudios para algúns membros da familia, ascensos nas carreiras profesionais, etc. A rede de intereses do caciquismo funcionaba nunha dobre dirección: cara a abaixo, a favor da elite social, en forma de favores e privilexios; cara a arriba, garantindo ao político ou ao partido os votos necesarios para saír elixido. Foi un sistema político espallado por todo o mundo latino; sen embargo, a súa manifestación paradigmática foi en Galicia, onde se caracterizou pola perfección do seu funcionamento.
O caciquismo nos países latinos
O caquismo xurdiu nas comunidades antillanas precolombinas, de onde o trasladou a México Hernán Cortés e a Chile Diego de Almagro e Pedro de Valdivia. Non obstante , arraigou na España decimonónica ao tempo que o facía na Italia meridional e en Portugal. En España o caciquismo tivo o seu momento culminante durante a Restauración (1874-1923), aínda que xa existira no reinado de Isabel II, sobre todo a partir de 1840 en que se viu favorecido pola descentralización do estado e pola incorporación dos distritos electorais uninominais. Na Restauración, o caciquismo regularizouse no momento en que os conservadores, dirixidos por Cánovas del Castillo, e os liberais, por Sagasta, pactaron a alternancia pacífica no goberno implantando o bipartidismo, consolidado co Pacto do Pardo (1885). Elemento clave para a continuidade do caciquismo trala restitución do sufraxio universal (1890) foi o artigo 29 da Lei electoral do 28 de decembro de 1878, polo que se consagraba o control dos distritos facultando os partidos para que consensuasen a súa participación e representación. En España o caciquismo manifestouse de xeito persuasivo en Galicia ou en Castela-A Mancha e, de xeito coactivo, en Andalucía ou en Extremadura. Por obra do caciquismo quedaron fóra da alternancia pacífica no poder os carlistas, os republicanos e as organizacións obreiras. Os elementos negativos do caciquismo tardaron en atopar unha forte oposición, que procedeu en primeiro lugar de intelectuais e científicos como Ramón y Cajal, Alas Clarín ou Unamuno. En Portugal, o caciquismo prosperou durante o período da monarquía constitucional (1822-1911), sobre todo nos últimos anos. A penas perviviu durante a República e a súa implantación estendeuse por todo o territorio.
O caciquismo en Galicia
O caciquismo en Galicia non se apoiou na extorsión indiscriminada, senón no privilexio e no beneficio habilmente distribuídos entre as familias que desempeñaban un papel elitista ou representativo na estrutura social. Era o único instrumento, dos que dispuña o campesiñado galego, que lle ofrecía solucións a curto prazo, pois o resto das ofertas políticas (agrarismo, rexionalismo, socialismo ou republicanismo) que lle chegaban eran a moi longo prazo. Nas cidades galegas e nos núcleos obreiros, os mecanismos electorais funcionaban máis correctamente, polo que se deu unha maior diversidade política; sen embargo, debido ao seu escaso peso demográfico (5% da poboación), nunca lograron representación política. O caciquismo favoreceu que Galicia estivese controlada politicamente por unhas poucas familias, que non sempre eran propiamente caciques, que exercían o seu poder en determinadas circunscricións: os monteristas (baixo o poder político de Montero Ríos) e os gassetistas (Eduardo Gasset Artime) na Coruña, os besadistas (Augusto González Besada) en Lugo, os bugallistas (Saturnino Álvarez Bugallal) en Ourense, e os riestristas (José Riestra López) en Pontevedra. A perpetuación do sistema foi posible grazas a que os postos políticos, ao igual ca o de cacique, se transmitían por herdanza familiar ou por méritos. Na práctica os distritos electorais chegaron a privatizarse, de feito fálase de distritos enfeudados (que pertencían de forma fixa a un deputado) ou de alternantes (nos que o goberno aínda conservaba unha certa capacidade de manobra e podía colocar alí a un deputado do seu partido). Outro dos elementos da práctica caciquil era o deputado cunero, que non coñecía o distrito polo que se presentaba, optanto a el por méritos en terras alleas. Algúns dos máis coñecidos políticos favorecidos polo sistema caciquil foron os monteristas Manuel García Prieto, Eugenio Montero Villegas, Alonso Gullón; os gassetistas Rafael Gasset Chinchilla, José Ortega Munilla, Joaquín Chapaprieta Torregosa; os bugallistas Senén Canido Pardo, Luís Espada Guntín, Alejandro Mon Landa; os besadistas Leonardo Rodríguez, Julio Wais Sanmartín, Rodríguez de Viguri; e os riestristas Francisco de Federico Martínez ou Raimundo Riestra Calderón. A rebelión contra o caciquismo iniciouse nos grupos de intelectuais e prendeu logo nas asociacións obreiras e agrarias. Os primeiros intelectuais en denuncialo foron Xoán Manuel Pintos Villar en A gaita gallega, Eladio Rodríguez González en Folerpas (1894), Alberte García Ferreiro nas súas colaboracións no Tío Marcos da Portela, Manuel Curros Enríquez e Manuel Leiras Pulpeiro no conxunto da súa obra e, sobre todo, Valentín Lamas Carvajal no seu Catecismo do labrego (1889). Emilia Pardo Bazán recreou en varias das súas obras, principalmente nos Pazos de Ulloa (1886), o panorama electoral da Galicia do s XIX. Os políticos Luís Porteiro Garea e os irmáns Vilar Ponte denunciaron nos seus escritos e discursos o caciquismo, que tamén rexeitaron Basilio Álvarez e Rodrigo Sanz. Afonso Daniel Rodríguez Castelao denunciou, á súa vez, o sistema nos seus debuxos e nalgúns textos, tanto políticos como literarios. O caciquismo quedou definitivamente desarticulado, no referente ás prácticas políticas, nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que precipitaron a chegada da República.