Cadernos da Escola Dramática Galega

Cadernos da Escola Dramática Galega
[PUBLIC]

Colección de textos dramáticos e outros materiais de carácter teatral que iniciou a súa andaina no ano 1978 co nome de Cuadernos da Escola Dramática Galega. Foi promovida por Francisco Pillado e Manuel Lourenzo como complemento ás actividades educativas da Escola Dramática Galega. Non obstante , perviviu moito máis alá no tempo, chegando ata o ano 1994 con cento cinco números publicados. Entre os obxectivos marcados polos seus fundadores estaba o de facilitar o acceso a textos moi importantes do teatro galego e do teatro universal ao crecente número de persoas interesadas na práctica teatral, ademais de promover a aparición e publicación de textos teatrais breves que, ata o momento, eran moi escasos na literatura galega. Esta publicación, que recibiu a axuda económica de Caixa Galicia, tivo o gran mérito de dar ao prelo importantes obras tanto de autores galegos coma estranxeiros, conseguindo así que saísen á luz obras fundamentais do teatro universal en galego e que se editasen textos descoñecidos de autores consagrados ou textos de autores novos. Tamén aparecen textos de historia do teatro, ensaios ou textos monográficos sobre algún tema concreto. A longa nómina de obras publicadas nestes cadernos aparece no número 100 da colección, e nela pódense ver títulos de autores tan diversos como Manuel María, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Lourenzo, Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero, Luís Seoane, Albert Camus, Anton Čekhov, Alfred Jarry ou Bertolt Brecht. Ademais disto, cómpre salientar o gran coidado no deseño de cada número, que levaba sempre ilustracións de diversos pintores, entre os que destacan Luís Seoane, Díaz Pardo ou Urbano Lugrís. Estes cadernos foron un dos principais motores na publicación de textos dramáticos en Galicia, e favoreceron así a aparición de novos nomes que serían logo importantes dentro da literatura dramática galega: João Guisam Seijas, Xesús Pisón ou Luísa Villalta. Este importante labor foille recoñecido ao recibir no ano 1989 o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Iniciativas Culturais.