Cadernos de Teatro
Revista teatral aparecida no ano 1995, publicada pola editorial Elsinor Teatro de Oleiros. Nos seus créditos aparecen as mesmas persoas que na desaparecida colección dos Cadernos da Escola Dramática Galega: Francisco Pillado Mayor como director, Manuel Lourenzo como coordinador e Xoán M. López Eirís como administrador e como responsable do deseño P. A. Estévez. Esta nova revista alcanzou o número nove (1996) cando desapareceu, e os títulos publicados son: no ano 1995, O perfil do crepúsculo, de Manuel Lourenzo; Memoria acerca da dramática galega, de Galo Salinas (traducido por Laura Tato); O teléfono, de Joan Cavalle (traducido por Antonio Molexón); La Galiciana. Zarzuela en gallego y en un acto de Xoán da Cova Gómez (edición de Anxo Gómez Sánchez e Mercedes Queixas Zas);. No ano 1996 apareceron Teatro-minuto, de Xesús Pisón; O leitor de Goethe, de Paulino Pereiro; A ola de caldo e O gato e a lúa, de W. B. Yeats (traducido por Manuel F. Vieites); A proclama, de Xosé Lois García e O tesouro dos xesuítas, de Louis Aragon e André Breton (traducido por Xesús González Gómez).