Café con Gotas

Café con Gotas

Publicación aparecida en Santiago de Compostela o 17 de outubro de 1886, que atravesou catro épocas de edición. Foi dirixida por Manuel Carballido y García na primeira época, por Antonio Felipe Lueiro na segunda, e por Moisés González Besada na terceira. Editouse na imprenta de Alonso Viéitez. Subtitulada como “Semanario humorístico sin tostada” e como “Semanario cómico, satírico, ilustrado, etc”, ao longo dos anos contou coas colaboracións de Curros Enríquez, Alberto García Ferreiro, Enrique Labarta, Aurelio Ribalta e os irmáns Valle-Inclán. Tiña como seccións: “Sin tostada” e “Gotas”. Apareceron ao longo de diversos números algunhas composicións en galego e caricaturas de personaxes coñecidos da época, realizados por José Pando, sempre en ton humorístico e divertido.