cágado
Larva acuática dos anfibios anuros, de cabeza grosa e globulosa, corpo curto e cunha cola comprimida e longa bordeada por unha aleta flexible. A boca disponse en posición ventral na cabeza e está provista de mandíbulas córneas, coas que rilla principalmente as algas ou as plantas acuáticas das que se alimenta. Detrás da boca existe un disco ventral para suxeitarse ao substrato. Ao longo do proceso de crecemento, os primeiros avultamentos dos lados da cabeza convértense en branquias externas, que logo pasarán a estar cubertas por un opérculo cutáneo; este manterá unha abertura ou espiráculo por onde sae a auga que, logo de entrar pola boca, pasa polas branquias agora internas. As patas posteriores son as primeiras en aparecer, mentres que as dianteiras medran durante un tempo cubertas polas pregaduras do opérculo. O cágado dá paso ao anuro adulto cando a cola e as branquias son reabsorbidas e a respiración é exclusivamente pulmonar.
Sinónimos
Frases feitas
-
Andar aos cágados na preguiza. Estar na ruína.