Cagliari
Capital da provincia homónima e da rexión autónoma de Sardeña, Italia (167.490 h [1998]). Está situada na desembocadura do Flumini Mannu, na beira do golfo de Cagliari. É o centro comercial e industrial de toda a Sardeña central e meridional. As industrias principais son a química, a alimentaria, a de construción de navíos e a fabricación de cemento e maquinaria. Ten un centro de ensino superior, é sede da Università de Cagliari, fundada en 1606, e sé arcebispal. Foi un activo centro impresor, xa documentado en 1493, e o principal obradoiro monetario de Sardeña. Fundada polos fenicios cara ao s VII a C, converteuse nun importante centro comercial baixo os cartaxineses. Desde a conquista romana (despois do 238 a C) foi a principal cidade da illa, co nome de Caralis. Ao caer o Imperio, ocupárona os vándalos (455-463), logo pasou a dominio bizantino e, tralos triunfos mulsulmáns no Mediterráneo occidental, estableceuse un goberno autónomo. Houbo unha xudería desde o s XIII, pero foron expulsados en 1492. A cidade rendeuse a Filipe V en 1717. Víctor Amadeo de Savoia, que incorporou Sardeña aos seus estados polo Tratado de Londres (1718), estableceu en Cagliari o seu vicerrei.