Caimán, Illas
Arquipélago das Antillas, ao S de Cuba e ao NO de Xamaica, baixo a soberanía do Reino Unido (259 km2; 25.355 h [1989]; 36.000 h [estim 1998]). De orixe calcaria (coralina) está integrado polas illas Grand Cayman (23.881 h [1989]), Little Cayman (33 h [1989]) e Cayman Brac (1.441 h [1989]). Situado a 19° de latitude N e 80° de lonxitude O, en plena zona tropical, goza dun clima suave durante todo o ano. A súa capital é a cidade de George Town (12.921 h [1989]), na illa Grand Cayman. As súas principais fontes de riqueza son a pesca, con 615 toneladas en 1996, a maior parte de quenlla, o cultivo de cocos e o turismo. Esta última actividade, con 373.245 visitantes en 1996, reportoulle uns ingresos de 368 millóns de dólares USA ese ano. A moeda oficial é o dólar das Illas Caimán. O inglés é o idioma oficial. Cristovo Colón descubriunas en 1505 e chamoulles Illas Tartarugas. Posesión británica desde o s XVIII, dependía do gobernador de Xamaica ata a súa independencia. Daquela, as Illas Caimán convertéronse en colonia o 4 de xullo de 1959.