Caín
Prenome masculino de significado descoñecido, que quizais proveña de Gayin ‘ferreiro’. Leva este nome o primoxénito de Adán e Eva e irmán de Abel. Segundo o relato do libro da Xénese, era labrego descoidado no culto divino e cobizoso da boa renda dos rabaños do seu irmán. Esta envexa levouno a matar a Abel coa queixada dun burro. O pastor foi o primeiro mártir e o labrego o primeiro asasino. A explicación deste mito cómpre encadrala no contexto socioeconómico do pobo xudeu que, no momento da formación da súa tradición oral, baseaba a súa economía no pastoreo; de aí que ao elaborar a súa cosmogonía atribúan ao seu xeito de vida calidades superiores ás dos pobos agricultores do seu contorno, representados por Caín: os sacrificios de años eran máis gratos a Deus ca os froitos da terra, considerados como alimentos ínfimos. Ademais, subxace o inevitable conflito que xorde nos usos do solo entre pastores e agricultores, conflito que se veu repetindo ao longo da historia, dende o comezo da revolución neolítica. O nome de Caín quedou como símbolo de traizón e maldade, e con este significado incorporouse á cultura occidental da man do cristianismo, polo que non se coñece uso del máis ca en ditos comparativos (“ser máis malo que Caín” que significa “ser moi malo”). Non existe ningún santo con este nome.