Cal Cortizas, Raimundo
Fotógrafo. Coñecido co pseudónimo de Mundo Cal, desenvolveu a súa actividade dende os anos setenta. Foi a partir de 1980 cando viaxou por diferentes países do sur e centro de América como Nicaragua, Guatemala, El Salvador, Panamá e México, nos que había conflitos armados, realizando reportaxes fotográficas; amais, co mesmo propósito, percorreu outros países do norte de África. As súas imaxes reflicten o sufrimento pola guerra e o xeito de vida das xentes que habitan eses lugares. En 1988 pasou a colaborar coa organización non gobernamental Entrepobos, fundamentalmente en proxectos de cooperación en Centroamérica e con refuxiados en Quintana Roo e Chiapas (México). Entre as numerosas exposicións nas que participou destacan: Fotoxornalistas galegos, Nicaragua. A revolución acosada (1983), Testemuñas (1996) e Sobrevivir (1997). Tamén a nivel profesional, colabora con diversos xornais e revistas como El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Diario 16 de Galicia e Revista Galega de Educación, entre outras publicacións. Publicou diferentes guías e manuais, entre eles, Redondela (1994), en colaboración con M. Puga, Guía Natural de las costas españolas e Baskenland. Euzkadi, unha visión desde a muller (2000), en colaboración con Gerd Schumann e Florence Hervé.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Redondela