Cal Vázquez, Antía
Mestra. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela no 1945 e tamén realizou estudios de peritaxe mercantil. No 1961 fundou, xunto co seu marido Antón Beiras, o colexio Rosalía de Castro de Vigo onde puxo en práctica as novas técnicas pedagóxicas recomendadas pola UNESCO, os métodos de Pestalozzi e outros recursos propios do movemento contemporáneo da Escola Nova europea; ademais prestou especial atención á lingua e cultura galega. No 1967 comezou a súa relación coa asociación catalá de mestres Rosa Sensat, centrada na investigación pedagóxica. A partir de aquí, nos primeiros anos setenta, celebráronse en Vigo varios cursos pedagóxicos con profesorado catalán desa asociación. Por todo o seu labor docente recibiu unha homenaxe, promovida pola asociación Rosa Sensat, en Barcelona o 5 de xullo de 1999 e tamén, nese mesmo ano, foi homenaxeada pola facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Escribiu dúas obras inéditas: O libro dos nenos. Enciclopedia pró neno galego, Premio Lar Gallego de Caracas no 1958, e A arte e os nenos. No 1973 dirixiu un libro de poemas feito polos rapaces da súa escola titulado Os nosos poemas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : La Habana