Calabria

Calabria

Rexión da Italia meridional que comprende as provincias de Catanzaro, Cosenza, Crotone, Reggio di Calabria e Vibo Valentia (15.080 km2; 2.064.718 h [1998]). Situada entre o Mar Tirreno e o Mar Xónico, está separada de Sicilia polo estreito de Mesina. A capital é Catanzaro. É unha rexión accidentada polos Apeninos, con elevacións que oscilan entre os 1.800 m e os 2.300 m de altitude. Posúe un clima mediterráneo. A súa economía baséase nunha agricultura latifundista, dedicada á oliveira, vide, cereais e algodón. Outras actividades primarias destacadas son a pesca ou a explotación do sal xema e do xofre. A industria está pouco desenvolvida. Poboada dende o Paleolítico foi colonizada polos gregos no s VIII a C e conquistada polos romanos no s III a C. Durante esta etapa desenvolveu unha importante actividade económica favorecida pola súa produción agrícola. Desde mediados do s VI, formou parte do Imperio Bizantino, sufrindo primeiro a invasión dos ostrogodos e logo dos musulmáns procedentes de Sicilia, no s IX. As tentativas de reconquista de Otón I e Otón II resultaron infrutuosas e os normandos apoderáronse do país no 1060, incorporándoa ao Reino de Sicilia. A comezos do s XII, Carlos, conde de Provenza e Anjou, e irmán do monarca francés, apoderouse do reino normando de Sicilia. No 1282-1283 Pedro II de Aragón invadiu Sicilia e o territorio de Calabria, dividindo o reino en dous estados: o Reino de Sicilia, incorporado á Coroa de Aragón, e o Reino de Nápoles gobernado polos franceses. Pola Paz de Anagni, o monarca aragonés tivo que devolver Calabria a Carlos II de Anjou en 1295. O goberno dos Anjou estendeuse ata mediados do s XV, pasando despois o reino ás mans de Afonso V de Aragón en 1458. Durante o reinado de Fernando o Católico, Gonzalo Fernández de Córdoba o Gran Capitán reconquistou o Reino de Nápoles ocupado polos franceses, desenvolvendo a maior parte da campaña en Calabria. Formou parte do Reino de Nápoles, incorporado á casa de Austria, ata que no s XVIII pasou a mans dos Borbóns españois. En 1860, e favorecido polo descontento popular e o deplorable goberno, Garibaldi incorporou o Reino de Nápoles e das Dúas Sicilias ao nacente Reino de Italia.