Calahorra

Calahorra

Cidade da Comunidad Autónoma de La Rioja, drenada polo río Cidacos (18.926 h [1996]). É o gran centro mercantil da comarca agrícola de La Baja Rioja, amais de sé episcopal. Posúe unha horta moi fértil, baseada na produción de pementos, espárragos e alcachofas. A súa orixe vén da poboación celtibérica Kalakorikos, do s II a C. De grande importancia estratéxica pola súa situación no val do Ebro, acadou grande esplendor durante a época romana, especialmente baixo o imperio de Augusto e Tiberio. Alí naceu Quintiliano, profesor de retórica e mestre, entre outros, de Plinio o Novo e de Tácito. No s IV converteuse en sé episcopal cristiá. Permaneceu baixo o dominio musulmán dende comezos do s VIII ata o 1045, cando a conquistou o Rei García III. Afonso X o Sabio concedeulle en 1255 un mercado semanal que aínda conserva. Entre os seus monumentos destacan a catedral, obra de mediados do s XII, e as igrexas de Santo Andrés, dos ss XVI-XVIII, San Francisco, construída no s XVII, e Santiago, erguida entre os ss XVII e XVIII. Conserva ademais un acueduto e un circo da época romana.