Calasparra

Calasparra

Municipio da Comunidad Autónoma de la Región de Murcia, situado na confluencia dos ríos Argos e Segura (8.917 h [1996]). A súa economía baséase na produción agropecuaria, especialmente nos cultivos de regadío, que abastecen unha importante industria conserveira. Á parte das hortalizas e froitas, cómpre destacar a produción de arroz, acollida a unha Denominación de Orixe propia dende 1982. Tamén hai industrias téxtiles e madeireiras. Calasparra contou con asentamentos humanos dende o Eneolítico. Atopáronse tamén xacementos das culturas argárica e ibérica e foi un lugar de asentamento romano e musulmán. En 1243, ao converterse a taifa de Murcia en vasala de Castela, o castelo de Calasparra pasou á custodia da orde de Santiago. En 1289 o Rei Sancho IV doou o castelo e a vila á orde de san Xoán de Xerusalén, que mantivo os privilexios ata a desamortización de mediados do s XIX.