Caldas de Reis, tesouro de

Caldas de Reis, tesouro de

Conxunto de 36 pezas de ouro atopadas casualmente en 1940 nas Silgadas (Caldas de Reis). Destacan especialmente cinco pezas: tres cuncas, unha xerra e un peite. As tres cuncas presentan unha forma globular hemisférica, mais só unha ten unha decoración incisa en bandas de liñas e triángulos similar ás que presenta a xerra. O peite tamén presenta unha coidada decoración, o que leva a pensar que se trata máis dun obxecto de adorno ca de uso. Aínda que non é posible datar o conxunto de xeito absoluto, cronoculturalmente pode pertencer a un momento do Bronce Inicial ou Bronce Medio. Consérvase no Museo Provincial de Pontevedra.