Calderón de la Barca, Pedro
Dramaturgo. Estudiou cos xesuítas en Madrid e nas universidades de Alcalá de Henares e Salamanca. Serviu como soldado en Flandres e Lombardía e participou na campaña contra os segadores cataláns. En 1651 ordenouse sacerdote e desempeñou varios cargos eclesiásticos, sendo nomeado capelán maior da Congregación de Presbíteros Naturales de Madrid (1666). Considérase, xunto con Lope de Vega, a figura máis importante do teatro español do século XVII. A crítica recoñeceu dúas direccións na súa produción dramática: por unha banda sitúanse as pezas que responden ao modelo de comedia divulgada por Lope de Vega, con trazos distintivos como a concisión, o enriquecemento técnico ou a simplificación da trama. Pola outra, aquelas obras consideradas paradigma do sistema estético barroco, debido á asimilación da gravidade reflexiva que se espallou a partir da ideoloxía da Contrarreforma. A súa extensa obra clasifícase en distintos xéneros. Na liña de Lope, escribiu comedias de capa e espada (Casa con dos puertas, mala es de guardar; La dama duende ou El astrólogo fingido); comedias costumistas (El Alcalde de Zalamea ou La niña de Gómez Arias); traxedias de honor, onde desenvolveu o tema dos celos (A secreto agravio, secreta venganza; El médico de su honra ou El mayor monstruo del mundo, los celos). Na liña relixioso-filosófica, compuxo dramas relixiosos nos que plasmou a visión pesimista e negativa do catolicismo da época (La devoción de la Cruz; El príncipe constante ou El mágico prodigioso); dramas históricos, onde reflexionou sobre as paixóns atemporais que hai no home (La hija del aire) ou recreou acontecementos máis ou menos recentes (Amar después de la muerte ou El sitio de Breda); comedias mitolóxicas, caracterizadas pola espectacularidade, nas que subxacen ideas como a loita cos poderes do mal, a oposición razón/sentimento ou a dualidade do home (La estatua de Prometeo, El hijo del sol, Faetón); dramas filosóficos, que levan á escena un sistema de pensamento caracterizado por un pesimismo derivado do desengano barroco, e ten as súas fontes na Biblia e no estoicismo senequista (La vida es sueño ou En esta vida todo es verdad y todo es mentira) e autos sacramentais, xénero co que acadou a súa máxima expresión, definidos pola escenificación de cuestións teolóxicas a través da dramatización de conceptos abstractos (El gran teatro del mundo, Lo que va del hombre a Dios, Los encantos de la culpa). Por último, hai que aludir ao seu cultivo do chamado teatro menor. Compuxo jácaras (la del Mellado), mojigangas (Las visiones de la muerte), entremeses (Don Pegote) e comedias musicais, vinculadas ao ambiente cortesán (El golfo de las sirenas). A obra de Calderón publicouse en nove partes de doce comedias cada unha. As cinco primeiras apareceron en vida do autor entre os anos 1636 e 1677. Postumamente, Juan de Tassis y Villarroel fíxose cargo da edición das pezas restantes entre os anos 1682 e 1691. O teatro calderoniano perdeu vixencia coa aparición das novas formulacións estéticas do Neoclasicismo, e non recuperou o seu prestixio ata a segunda metade do século XIX, ao reivindicarse como unha das referencias fundamentais do movemento romántico alemán.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso