Caldo

Caldo

Río afluente do Limia pola esquerda. Nace na Portela de Home (parroquia de Río Caldo, concello de Lobios), na serra de Santa Cruz, sector occidental da serra do Xurés. O seu curso encáixase sobre unha fractura de dirección NNL-SSO. Drena a parroquia na que nace e á que lle dá nome e alí recibe o seu principal tributario, o Vilameá. Despois serve de límite entre as parroquias de Manín e Lobios, antes de chegar ao límite do concello de Lobios coa parroquia de Galez (concello de Entrimo), onde desemboca logo dun percorrido duns 12 km. O seu réxime é pluvial, acusando unha intensa seca estival. No leito do río, na fractura pola que discorre encaixado, xorden mananciais de augas termais, que son perceptibles durante a estiaxe do verán. Destas caldas vénlle o seu nome.