Cali
Capital do departamento do Valle de Cauca, Colombia (1.985.906 h [estim 1997]), situada nun val da serra Occidental dos Andes, á beira do río Cauca. Centro dunha rica área agrícola, é o núcleo urbano máis importante do occidente de Colombia. O seu aumento demográfico, obrigou ao desenvolvemento de barrios obreiros no extrarradio, como o de La Merced. É un núcleo industrial (produtos químicos, papel, maquinaria, plásticos e alimentos) e un centro comercial, favorecido por ser un nó de comunicacións, tanto de estradas como de ferrocarril (ferrocarril do Pacífico). É sede da Universidad del Valle. Foi fundada en 1536 por Sebastián de Benalcázar. A crise pola que atravesa Colombia, potenciada polo conflito armado entre a guerrilla comunista, os grupos paramilitares e o exército colombiano, e agravada polo narcotráfico, que en Cali ten un cártel especialmente activo (o Presidente Samper foi derrotado por Pastrana, entre outras cousas, porque se demostrou a súa vinculación coas redes do narcotráfico caleño), xeraron na cidade de Cali unha desestruturación social onde a violencia urbana incide maioritariamente na poboación nova: de 2.679 homicidios cometidos na cidade entre 1998 e 1999, o 60% foron sobre a poboación menor de 25 anos. Esta situación, ademais, está favorecida pola marxinalidade e o desemprego, que supera o 30% da poboación e provoca situacións de traballo infantil (onde o desemprego afecta ao 35,9% dos nenos entre 12 e 14 anos). Ante esta situación o alcalde da cidade, Ricardo Cobo Lloreda, promoveu en 1999 un pacto social entre os sectores económicos e a sociedade organizada para desenvolver o programa Municipio Saludable por la Paz.