Caliari, Paolo
Pintor italiano. Coñecido polo alcume de Veronese, estudiou debuxo no taller de Antonio Badile. A súa primeira obra foi un retablo para a familia Bevilacqua realizado entre 1546 e 1548. As súas obras iniciais recollen a tradición do renacemento veronés, como o uso de cores contrastadas ás que engade unha composición máis complexa ao empregar a perspectiva trompe l’oeil. En 1552 realizou para a catedral de Mantua A tradición de Santo Antón. En 1553 instalouse en Venecia e comezou a traballar xunto a Panchino na decoración dos teitos do Palacio Ducal (1553-1554). Entre 1555 e 1556 realizou os frescos da igrexa de San Sebastiano, onde empregou as cores de tons puros e contrastados. Entre 1560 e 1562 realizou a decoración pictórica de Villa Barbaro en Maser, onde pintou arquitecturas finxidas que representaban escenas alegóricas e mitolóxicas nas que retratou os propietarios da vila. O gusto polas escenografías amósase nas representacións relixiosas, que lle serviron para presentar a sociedade veneciana da época, como As vodas de Caná (1562-1563) ou Xesús disputa cos doutores no templo. Co óleo A derradeira cea, enfrontouse á Inquisición que o acusaba de non respectar a temática bíblica. O pintor cambiou entón o título do cadro que pasou a chamarse Cea en casa de Leví (1573). Entre 1565 e 1580 as súas obras caracterízaronse polo emprego dunha cor deslumbrante e unha brillantez que, ás veces, está atenuada por tons apagados: Crucifixión (1572?). As súas últimas obras amosan unha preocupación pola paisaxe e polos sentimentos dos personaxes: Moisés salvado das augas. Contra o 1583 os seus cadros enchéronse de serenidade, A piedade (1585?), aínda que continuou coa realización de obras brillantes como O triunfo de Venecia, no teito do Gran Salón do Palacio Ducal.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Verona -
Deceso
Lugar : Venecia