California
Estado dos EE UU, á beira do Océano do Pacífico, o terceiro en extensión e o primeiro en poboación (411.049 km2; 32.268.301 h [estim 1997]). A capital é Sacramento (376.243 h [1996]).
Xeografía
Esténdese dende Sierra Nevada ata o Pacífico, está en contacto con tres unidades físicas do país: Sierra Nevada, barreira climática que separa o estado do deserto, o Great Valley, formado polos vales de Sacramento e de San Joaquín, e a cordilleira litoral de Coast Rangers, de formación e dobramentos recentes, cunha gran cantidade de fracturas, como a que forma a baía de San Francisco. Forman o resto do estado os desertos de Mohave e Colorado, no que destaca o Death Valley (86 m baixo o nivel do mar), o punto máis baixo do continente. O clima é mediterráneo, con temperaturas suaves todo o ano, cunha estación seca e outra húmida. A rede fluvial redúcese á do Great Valley, cos ríos lonxitudinais de Sacramento e San Joaquín; o SL, no límite con Arizona, está drenado polo río Colorado e os seus afluentes, moi aproveitados para a rega. A vexetación é moi variada, abranguendo dende os bosques de coníferas das montañas ata o chaparral do deserto. Entre as áreas protexidas de California cómpre salientar os parques nacionais de Channel Islands (recoñecido como tal en 1980), Kings Canyon (1940), Lassen Volcanic (1916), Redwood (1968), Sequoia (1890) e Yosemite (1890), así como outras áreas de especial interese como Tule Lake (1928), Death Valley (1933), Joshua Tree (1936), San Francisco Bay (1972) e Santa Monica Mountains (1978). A poboación medrou vertixinosamente a causa da inmigración, o que propiciou o crecemento das cidades (91,3% de poboación é urbana [1980]). A variedade étnica é tamén importante, cun 69,9% de brancos, 7,4% de negros, 0,8% de amerindios, 25,8% de hispanos e o 13% doutras razas. Os principais núcleos de poboación son Los Angeles (3.553.638 h [1996]), San Diego (1.171.121 h [1996]), San José (838.744 h [1996]), San Francisco (735.315 h [1996]), Long Beach (421.904 h [1996]), Fresno (396.011 h [1996]), Sacramento, Oakland (367.230 h [1996]), Santa Ana (302.419 h [1996]) e Anaheim (288.945 h [1996]). Unha característica da rede urbana californiana é a súa concentración en grandes aglomeracións urbanas. Só Fresno constitúe unha entidade urbana senlleira de peso demográfico; as restantes cidades máis poboadas de Californa forman amplas aglomeracións como a de Los Angeles (15.495.155 h [1996]), San Francisco (6.605.428 h [1996]), San Diego (2.655.463 h [1996]) e Sacramento (1.632.133 h [1996]). California presenta un crecemento importante nos últimos anos, xa que pasou dunha renda per cápita en 1989 de 11.021 $ aos 29.819 $ en 1999. O 16,3% da poboación atópase nas portas da pobreza. A agricultura, sobre todo de base vinícola e frutícola, está moi mecanizada e desenvolvida tecnoloxicamente, aínda que se enfronta a unha forte erosión do solo. Como zona de produción vinícola, California ten máis de 150 anos de tradición, aínda que a súa irrupción como área de produción de viños de renome ten a súa orixe nunha modernización do sector que comeza en 1974, e que se consolida a partir desa data como unha área líder mundial na produción de viños, destacando pola elavo-ración dalgúns caldos de gran calidade. O lugar que goza de máis prestixio para a elaboración destes viños de luxo é o val do Napa. As uvas empregadas con máis éxito son, entre as tintas, a Cabernet Sauvignon, e entre as brancas, a Chardonnay, aínda que tamén destacan viños elaborados coas variedades Merlot, Muscat (moscateis), Zinfandel (variedade propia da zona) e outras. Tamén é salientable a explotación forestal e a pesca. A minería ocupa un lugar moi importante, sobre todo a extracción petrolífera e de gas natural. A industria é moi complexa, desenvolvida ao redor de Los Angeles, que proporcionou a base para unha expansión industrial considerable, con grandes centros siderúrxicos, construción de materiais de transporte, industria alimentaria (conservas e cárnicas), química e papeleira, refinerías e elaboración de derivados do petróleo, sobre todo ao S do Great Valley. Ademais, no Central Business Distrit de Los Angeles instaláronse algunhas das máis importantes multinacionais, sobre todo de orixe xaponesa. Así mesmo, o porto comercial de Los Angeles-Long Beach, é un dos que rexistran maior actividade do Pacífico. San Francisco, o outro núcleo industrial importante, conta cun notable sector servicios e desenvolveu unha importante actividade portuaria e industrial. Pola súa produción destacan as construcións navais, a industria siderúrxica, as construcións mecánicas e, entre outras, industrias do sector electrónico, químico e téxtil. Outras cidades industriais son Oakland, Berkeley, San Diego e Sacramento. Unha das industrias máis destacadas mundialmente e cuns beneficios situados entre as grandes empresas do país é a industria cinematográfica, asentada principalmente en Hollywood. Dende que en 1910 unha compañía elixira esta zona para montar os seus estudios, outras seguiron o mesmo camiño, creándose unha gran cidade onde a poboación e a planificación urbanística xira ao redor do cine. Un dos centros de innovación e tecnoloxía é o Silicon Valley, unha área de desenvolvemento tecnolóxico fundada por catedráticos e profesores universitarios. As actividades principais son a informática e a investigación farmacéutica. O turismo está tamén moi desenvolvido. California conta con dúas universidades públicas distribuídas en numerosos campus ao longo do estado. A University of California ten campus en dez localidades (Berkeley, Irvine, Los Angeles, San Francisco, etc) e ten adscritos os seguintes centros: Ernest Orlando Lawrence Berkeley National Laboratory, Lawrence Livermore National Laboratory, Los Alamos National Laboratory e Hastings College of the Law. A California State University ten campus en dezaseis cidades, ademais de agrupar outros centros como a Humboldt State University, Maritime Academy, San Diego State University, San Francisco State University, San Jose State University, Sonoma State University e California Polythecnic State University. Ademais, en California teñen sede, entre outras, as seguintes institucións culturais: California Arts Council, African American Museum, California State Railroad Museum, California Science Center, Golden State Museum, State Archives e California State Library. O estado de California achega ao Congreso dos EEUU dous senadores e trinta representantes. O parlamento estatal consta de dúas cámaras, un senado integrado por 40 membros, elixidos por un período de catro anos e unha cámara dos deputados con 48 membros, cun mandato de dous anos de duración.
Historia
O territorio do actual estado foi colonizado inicialmente polos misioneiros franciscanos, fundadores dunha serie de misións que perduraron ata converterse nas cidades de San Diego, Monterrey, San Francisco e Los Angeles. En 1804, despois da segregación da Alta California e a Baixa California, xorde como demarcación territorial. Ante o movemento independentista das colonias americanas o goberno español foi perdendo interese por ese territorio nun momento en que chegaban novos colonos de orixe rusa que se asentaron nas proximidades de San Francisco en 1812. Logo da independencia, México contivo a expansión rusa ata que no 1842 o seu goberno apoiou a adquisición deses territorios polo capitán John Sutter, quen fundou o dominio da Nova Helvecia. No 1846 produciuse a suposta independencia da Alta California, que culminou coa invasión polas tropas dos EE UU. A nova situación foi legalizada polo Tratado de Guadalupe-Hidalgo, asinado ao mesmo tempo que se descubría ouro nos ríos californianos, feito que orixinou unha grande inmigración (febre do ouro). Converteuse en estado da Unión o 9 de setembro de 1850, adheríndose á causa abolicionista e erguéndose como un estado non escravista. A chegada do ferrocarril transcontinental no 1869 favoreceu o aumento de poboación de orixe anglosaxona, que limitou a inmigración oriental e hispana. Nos últimos anos do s XIX o modelo de explotación mineira chegou á fin do ciclo expansivo e comezou o seu declive; coincidindo con ese retroceso mineiro iniciouse a expansión agrícola, favorecida polas obras de irrigación realizadas a partir de 1920, e o asentamento da industria cinematográfica na cidade de Hollywood, o que reactivou o crecemento do estado. A industria aeronáutica asentouse en California durante a Segunda Guerra Mundial e foi un dos eixes do desenvolvemento industrial da década dos cincuenta. As estruturas políticas locais, dominadas por elementos segregacionistas, enfrontáronse aos grupos radicais afroamericanos e aos sindicatos de estudiantes durante os anos sesenta. A Revolta de Watts, Los Angeles, no 1965 fíxose famosa pola súa virulencia, pero os enfrontamentos continuaron, estalando novamente o conflito en outubro de 1967 no campus de Oakland con marchas e manifestacións de protesta pola intervención bélica dos EEUU no Vietnam. No ano seguinte os disturbios estendéronse ás universidades de Berkeley, Howard, San Francisco State e Yale. Nese mesmo ano, cando a popularidade do senador Robert Kennedy nas eleccións primarias medraba fundamentalmente entre a poboación nova e afroamericana, foi asasinado o 5 de xuño de 1968 na cidade de Los Angeles. A chegada masiva de inmigrantes ilegais de orixe mexicana durante as últimas décadas unido á deficiente integración de grupos de poboación afroamericana, desencadeou nos anos noventa graves conflitos urbanos.