caligrama

caligrama

(< fr calligramme)

s m [LIT]

Manifestación da poesía visual que deriva o seu nome dos Calligrammes (1918) de Guillaume Apollinaire. Resulta do cruzamento nun mesmo plano de dúas mensaxes de natureza diferente, unha figurativa e outra lingüística, de xeito que a disposición tipográfica do texto compón formas alusivas ao obxecto ou tema poetizado. Tenta facer coincidir o que se ve co que se le, isto é, achegar as palabras ás cousas que representan. Os seus antecedentes remóntanse á cultura grega, a certos poemas figurativos de Teócrito e de Simias de Rodas, amais dos carmina figurata de Rabano Mauro (s IX), as composicións de J. Cellier e F. Rabelais (s XVI), as de J. Helwig e J. R. Karst (s XVII) ou os emblemas renacentistas e barrocos. No primeiro terzo do s XX xurdiu como resultado da influencia da pintura cubista, do futurismo e do ideograma, da man de Apollinaire que foi, como creador do termo, o primeiro en tentar realizar con clara intencionalidade estética a síntese artística da música, da pintura e da literatura. Pasadas as vangardas, o interese por este tipo de composición poética reapareceu na chamada poesía concreta dos anos cincuenta e na poesía experimental dos sesenta e setenta. O seu cultivo estendeuse dende Francia a outros países. Entre os escritores de lingua hispana que o utilizaron destacan Gerardo Diego, Guillermo de Torre, Octavio Paz ou Vicente Huidobro. Na literatura galega temos exemplos na obra de Manuel Antonio.