Calila e Dimna

Calila e Dimna
[LIT]

ersión árabe dunha colección de apólogos de orixe sánscrita (Pañchatantra), realizada no século VIII por Ibn al-Muqaffa’ sobre un texto pahlevi. Esta versión serviu de base a numerosas recreacións posteriores como a hebrea, a grega, a siríaca, a persa ou a castelá. O texto hebreo foi traducido ao latín por Juan de Capua co título Directorium vitae humanae (Directorio da vida humana, 1262), do que saíron diversas traducións a linguas europeas, moi abondosas durante a Idade Media; entre elas a versión castelá Ejemplario contra los engaños y peligros del mundo (1493). A primeira versión castelá co título en árabe foi encargada por Afonso X o Sabio. Coa intención moralizante e didáctica propia da época medieval, a maioría dos apólogos están protagonizados por animais que representan situacións humanas e dos que pode tirarse unha sinxela sentencia. Calila e Dimna, os dous chacais que protagonizan o primeiro dos apólogos, dan título a esta colección. Estas narracións tiveron unha repercusión extraordinaria en toda a literatura fabulística occidental e, dentro da Península Ibérica, influíu, sobre todo, en autores como Ramón Llull, o Arcipreste de Hita ou don Juan Manuel.