Calo Lourido, Francisco
Arqueólogo. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutorouse en Xeografía e Historia coa tese A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa. É profesor de ensino medio en Pontevedra. A súa actividade investigadora céntrase na antropoloxía mariñeira e na arqueoloxía castrexa, sobre todo no aspecto artístico, amais do seu interese pola etnografía. Participou en diferentes escavacións no Neixón, na Lanzada, Meirás, Castromao, etc, e dirixiu as que se realizaron no castro de Baroña entre 1980 e 1984. É autor de La cultura de un pueblo marinero: Porto do Son (1978), As artes de pesca (1980), A cultura castrexa (1993), Xentes do mar: traballos, tradicións e costumes (1996), Castro de Baroña (1997) e Galicia. Antropoloxía (1997). Colaborou na publicación Cuadernos de Estudios Gallegos. É membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia, e da Sociedade Martíns Sarmento de Guimarães, amais de membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Porto do Son