Calubriga dos Guigurros

Calubriga dos Guigurros

Asentamento romano situado na Cigarrosa, no concello da Rúa. De ser certa a equiparación que algúns autores fan entre Calubriga e o Forum Gigarrorum das fontes clásicas, sería a oitava mansión da vía romana número XVIII que conectaba Bracara (Braga) con Asturica (Astorga) polo interior, a vinte e oito millas (milia passuum) da anterior mansión, Nemetobriga. Pertencía ao convento xurídico asturense. Non obstante , hai opinións que sosteñen que se trata dunha vila rural. Neste lugar atopáronse dous mosaicos que recubrían unha peza cadrada, á que se accedía por unha escaleira de tres chanzos, cun orificio de desaugadoiro. O primeiro deles, de tema mariño e con peixes, moluscos e a auga en movemento, apareceu en 1896 no transcurso dunhas prospeccións dirixidas por Marcelo Macías. O segundo, tamén de tema mariño, con delfíns, troitas, ondas mariñas, etc, apareceu en 1969. Aínda que non se poden realizar moitas precisións cronolóxicas, semella que se trata dun complexo termal, posiblemente de carácter privado, de época tardía.

Palabras veciñas

Caltha | caltridura | caltrir | Calubriga dos Guigurros | caluga | calugada | calumet*