calvinismo

calvinismo

(

s m [RELIX]

Sistema teolóxico que ten a súa orixe nas ensinanzas de Xoán Calvino. Converteuse na doutrina máis amplamente aceptada e de maior influencia entre as igrexas xurdidas da Reforma. O calvinismo é fundamentalmente unha doutrina teocéntrica e, ao mesmo tempo, anticatólica e antiluterana. Admite a Trindade, a encarnación do fillo de Deus nunha Virxe, as dúas naturezas de Cristo, a teoría de santo Agostiño sobre a Gracia, a predestinación e o pecado orixinal. A igrexa calvinista, que proclama que a súa autoridade emana directamente de Deus, ten como misión predicar a palabra de Deus, administrar os sacramentos e velar pola disciplina dos fieis; así mesmo, nela non existe a categoría episcopal e está rexida polos pastores, os mestres, os presbíteros ou anciáns e os diáconos; os elixidos para tales tarefas deben aprenderlles aos outros a interpretar rectamente as Sagradas Escrituras, texto fundamental e única regra de fe. Cada congregación local, gobernada por un consello de pastores e anciáns, é independente, pero pode afiliarse a outras congregacións. Calvino aceptou os sacramentos do Bautismo e da Eucaristía, entendidos no seu sentido orixinal como símbolos, e suprimiu o culto aos santos, ás imaxes, ás reliquias e á cruz, pois considerábaos manifestacións de idolatría. Rexeitou a confesión auricular, os votos, o celibato, a misa, as indulxencias, e negou a existencia do purgatorio. O calvinismo, que experimentou moitos cambios e evolucións ao longo da súa existencia, mantense especialmente pola Igrexa reformada e a Igrexa presbiteriana. Desde Xenebra e Zúric, o calvinismo estendeuse axiña por toda Suíza, sobrepoñéndose á tradición zwingliana; a Confesión helvética posterior (1566) representou o triunfo calvinista na maioría dos cantóns. Espallouse tamén por extensas rexións de Francia, especialmente Normandía, Orleans e Berry, Bretaña e Occitania, principalmente no Languedoc. Os calvinistas acadaron unha grande influencia ata a revogación do Edito de Nantes, en 1685. Nos Países Baixos, onde a inmigración de hugonotes facilitara a introdución do calvinismo, a conversión de Guillerme de Orange (1573) erixiuno en relixión oficial neerlandesa. En Alemaña foi importante en Heidelberg, desde onde se estendeu a Hungría e Polonia, pero foi rexeitado pola enérxica reacción da Contrarreforma. John Knox introduciuno en Escocia, onde se converteu en relixión oficial (1560) e desde onde penetrou en Inglaterra e, ata certo punto, influíu no anglicanismo. Os calvinistas ingleses deron orixe a diversos grupos, como os presbiterianos, os congregacionalistas ou os baptistas. A partir do s XVII, coa emigración dos puritanos cara ás colonias inglesas de América do Norte, o calvinismo converteuse nun dos elementos constitutivos da cultura e do espírito nacional dos EE UU. O resto de colonias británicas adoptouno en etapas posteriores, como sucedeu en Irlanda do Norte, Australia, Sudáfrica e Nova Zelanda. A partir do ensaio de Max Weber Die protestantische Ethik und der Geist des Kapitalismus (A ética protestante e o espírito do capitalismo, 1904) e das investigacións históricas de Ernst Troeltsch e de Amintore Fanfani, púxose en evidencia a grande influencia do calvinismo no desenvolvemento económico dos ss XVI e XVII e na evolución da mentalidade occidental. A súa influencia sobre a política provén da idea de que o goberno eclesiástico debía quedar nas mans duns representantes escollidos para protexer os intereses xerais das diferentes congregacións locais; esta teoría eclesiástica estendeuse amplamente e foi adoptada tanto polos pensadores relixiosos como polos politólogos. Neste sentido, exerceu un papel capital no desenvolvemento das institucións democráticas representativas.