Calvino, Xoán
Teólogo e reformador francés. O seu nome orixinal era Jean Cauvin, que latinizou en Calvinus. Iniciou a carreira eclesiástica e estudiou filosofía en París (1523-1527) co humanista Mathurin Cordier e con Noël Beda. En 1528 marchou a Bourges para estudar dereito, onde se licenciou en 1531. Neses anos traballou xunto ao luterano Melchior Wolmar e, posteriormente, doutorouse en Orleans. En 1532 publicou un comentario á obra De Clementia (Sobre a clemencia) de Séneca. A súa conversión á fe reformada obrigouno a fuxir de Francia e establecerse en Basilea (1535), onde rematou Christianae Religionis Institutio (A institución da relixión cristiá), a súa obra capital que tivo a súa primeira edición en 1536. A instancias do reformador Guillerme Farel, estableceuse en Xenebra en 1537 e pronto tivo un papel destacado nas asembleas relixiosas suízas, mesmo chegou a redactar un catecismo e outros textos para a igrexa de Xenebra. Oposto á autoridade do consello municipal sobre a xerarquía da Igrexa, foi expulsado da cidade en 1538, xunto con Farel. Protexido por Martin Bucer, marchou a Estrasburgo onde foi pastor e profesor de teoloxía. En 1540 casou con Idelette de Bure, viúva dun anabaptista. En 1541 o consello xenebrino reclamou a súa volta, e dende entón ata o seu pasamento residiu na cidade suíza. Pronto conseguiu impoñer as Ordonnances ecclésiastiques (Ordenanzas eclesiásticas), elaboradas segundo uns esquemas ríxidos e cunha estreita vinculación entre o poder civil e o relixioso. Baixo a súa dirección, Xenebra converteuse nunha cidade de relixiosidade estreita e minuciosa, controlada severamente por unha oligarquía que regulaba incluso os comportamentos privados. Tivo que facer fronte a diversos complots e á oposición da cidade de Berna. Impulsou o proceso que levou a Miguel Servet a morrer queimado. O seu sistema teolóxico fixou o fundamento da organización presbiteriana e do calvinismo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Noyon, Picardía -
Deceso
Lugar : Xenebra