Calvo Sotelo, Xoaquín
Dramaturgo. Estudiou dereito e ingresou no corpo de avogados do estado. Ocupou diversos postos nas delegacións de Facenda de Madrid e Barcelona, na Cámara Oficial del Libro e no Instituto Nacional del Libro, presidiu a Sociedad General de Autores de España e foi director xeral do Contencioso e do Tribunal Económico Administrativo Central. O seu teatro presenta problemas políticos, relixiosos ou morais resoltos de maneira convencional, como en La cárcel infinita (1945) ou La muralla (1954), unha das obras de máis éxito da posguerra española. Outras obras da súa autoría son: Criminal de guerra (1951), Historia de un resentido (1956), La ciudad sin Dios (1957) ou La herencia (1958). Cultivou tamén a comedia, con pezas como Una muchachita de Valladolid (1957), Cartas credenciales (1960), Operación Embajada (1962) e La pasión de amar (1991). O recoñecemento popular veulle, non só polo éxito das súas obras teatrais, senón tamén polas adaptacións cinematográficas dalgunhas das súas creacións como La visita que no tocó el timbre (1965), dirixida por Mario Camus, Plaza de Oriente (1962), de Mateo Cano, e Operación embajada (1963), adaptada por Fernando Palacios. Foi membro da Real Academia Española, correspondente da Real Academia Galega de Ciencias e Belas Artes e da Academia Hispanoamericana de Letras de las Ciencias y Artes de Puerto Rico. Recibiu a Cruz de Afonso X o Sabio, a de Isabel a Católica e recibiu o Premio Nacional de Literatura en 1968.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid