Calvo Valcárcel, Evaristo

Calvo Valcárcel, Evaristo

Actor e director teatral. Comezou a súa actividade no grupo de teatro da Universidade Laboral da Coruña no ano 1976 e posteriormente participou en numerosos grupos como Danthea, Escola Dramática Galega, Ollomol Teatro Submarino, O Moucho Clerc, Teatro do Atlántico, Centro Dramático Galego, Teatro do Aquí, Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Con estas compañías traballou en diversos espectáculos como Os perxuicios do tabaco, de Chejov (1976); Adeus Madelón, de Manuel Lourenzo (1987); Moleques, de Marcos Orsi (1989); O Rousinhol da Bretanha, de Quico Cadaval (1991); Historia de Neera, de Roberto Salgueiro (1990); O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro (1991); Anxeliños, de Vidal Bolaño (1997); Para ser exactos, creación do grupo Ollomoltranvía (1997); Commedia (un xoguete para Goldoni) (1993) e Raíñas de pedra (1994), ambas as dúas de Cándido Pazó; tamén participou na representación de Clownfutbol (2000), do grupo Chévere. No ano 1999 recibiu o Premio María Casares á mellor dirección teatral polo espectáculo Qui pro quo da compañía Ollomoltranvía. Como actor de cine interveu en A metade da vida e Dáme lume, entre outras películas. Na televisión realizou diversos papeis nas series A familia Pita, Pratos Combinados e Mareas Vivas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña