camaleón
(< lat chamaeleon < grχαμαιλέων)
-
s
m
[ANIMAL]
Réptil dos xéneros Chamaeleo e Brookesia, da familia dos camaleónidos, de corpo comprimido lateralmente e a cabeza, tetragonal, adornada cunha serie de cristas, pregaduras ou cornos. Os globos oculares, con capacidade para moverse de xeito independente, sobresaen aos lados da cabeza e poden proporcionar visión binocular. Aínda que o tamaño medio dos camaleóns oscila entre 15 e 30 cm, algunhas especies de Madagascar acadan os 80 cm. A pel é granulada, a cola prénsil, con capacidade para soportar o peso do corpo, e as extremidades son longas e finas, cos dedos dispostos a xeito de tenaces para aferrar as pólas. Capturan o alimento coa punta adhesiva da lingua, que poden proxectar a unha distancia superior á do corpo do animal. O tamaño da presa varía segundo o camaleón, e así as especies de menor porte aliméntanse fundamentalmente de insectos mentres que as maiores poden capturar réptiles, aves e mamíferos pequenos. Son ovíparos e depositan, normalmente, ata 30 ovos ocultos en ocos, aínda que algunhas especies subtropicais son ovovivíparas. Presentan a capacidade de cambiar a cor da pel cuberta de numerosas células pigmentarias mediante un control nervioso e hormonal. Estes cambios sérvenlle para adoptar unha coloración críptica entre a vexetación e para pasar desapercibido, tanto entre presas como entre depredadores, e como medio de comunicación entre individuos; está especialmente relacionada coa defensa do territorio de alimentación e coa sexualidade. Viven sobre a vexetación en países cálidos de África e Madagascar, aínda que tamén nas illas do Océano Índico e no sudoeste de Asia, e unha especie vive en Europa. Entre as máis de 90 especies coñecidas cómpre destacar: C. chamaeleo, de ata 25 cm de lonxitude, que vive no norte de África, Asia Menor, Siria, Arabia, illas do Mediterráneo oriental e sur da Península Ibérica; C. basiliscus, de ata 40 cm, cunha crista parietal moi curva, que vive no norte de África; C. jacksoni, con tres cornos de 3 cm de lonxitude dirixidos cara a adiante; e C. pumilus, de ata 15 cm, con tubérculos sobre a liña dorsal.
-
s
m
Persoa que cambia de opinión ou actitude para adoptar, segundo as ocasións, a máis vantaxosa.
Ex: É un auténtico camaleón, opina segundo lle convén.