Cámara Santa ou capela de San Miguel

Cámara Santa ou capela de San Miguel

Situada en Oviedo, está integrada no conxunto catedralicio. Construída no s X, é unha das arquitecturas emblemáticas do Camiño de Santiago do norte. Pertenceu á primitiva catedral ovetense. De planta rectangular, está estruturada en dúas alturas: a inferior está formada pola cripta ou capela de santa Locaia e acolle as reliquias de santo Euloxio, santa Locaia e as traídas da Arca Santa procedentes de Toledo; a planta superior é a cámara propiamente dita. No s XII reformouse e substituíuse a cuberta de madeira por unha bóveda de canón. Destacan as columnas da cámara con xambas decoradas coas figuras dos apóstolos, entre os que se atopa Santiago Peregrino, e os capiteis con escenas do Novo Testamento.