camareiro -ra

camareiro -ra

(< lat camararĭu ‘relativo á cámara’)

    1. s

      Profesional que nun bar, nun restaurante ou noutro establecemento hostaleiro atende os consumidores.

      Ex: O camareiro serviunos na barra un café e un ribeiro.

    2. s

      Persoa encargada da limpeza e coidado dos cuartos en hoteis, barcos ou coches-cama dos trens.

      Ex: Os camareiros adoitan limpar antes do xantar.

    3. camareiro de piso

      Profesional hostaleiro que ten como misión a limpeza e preparación das dependencias de uso común en hoteis, residencias e similares.

  1. [HIST]
    1. s m

      Oficial palatino que na Idade Media estaba ao servizo da cámara real, na que se gardaba o tesouro, as xoias, os mobles e as vestimentas reais. Máis tarde, o cargo comportou a recepción e distribución de ingresos reais e acabou quedando restrinxido ao servicio particular do soberano.

    2. s f

      Dama, pertencente á alta nobreza, que antigamente prestaba servicios na cámara da raíña.

      Confrontacións: azafata.
  2. [RELIX]
    1. s m

      Eclesiástico encargado nos mosteiros e nas grandes igrexas do fornecemento e coidado dos vestidos para os monxes ou cóengos; ás veces encargábase tamén dos cuartos, función que nos grandes mosteiros estaba encomendada ao cubiculario. Considerábase oficio maior e dignidade eclesiástica.

    2. s f

      Muller que ten ao seu cargo o coidado e vestido das imaxes nunha confraría ou nunha irmandade relixiosa.

  3. [RELIX]
    1. camareiro de honra

      Cargo honorífico da corte pontificia outorgado a certos eclesiásticos para cada pontificado.

    2. camareiro de honra de capa e espada

      Cargo honorífico da corte pontificia outorgado a laicos.

    3. camareiro secreto

      Dignatario ou oficial eclesiástico da corte pontificia, nomeado para cada pontificado para o servizo familiar e persoal do papa. Trátase de testamenteiros, bibliotecarios domésticos, secretarios persoais, de embaixadas e dos breves, entre outros.

    4. camareiro secreto de capa e espada

      Dignatario ou oficial laico da corte pontificia. Entre eles estaban o secretario laico de embaixadas e os comandantes e outros oficiais das gardas nobre e suíza, así como o furriel maior, o mozo cabaleiro maior, ou o superintendente xeral de cultivos, todos eles oficios hereditarios vinculados a algunhas familias romanas.

Palabras veciñas

camaradería | camarasáurido -da | Camarasaurus | camareiro -ra | Camarena | camareta | Camargo