Camba
Río afluente do Bibei pola esquerda. Nace na vertente occidental da serra do Fial, na parroquia de Camba, no concello de Laza, da que recibe o nome. O seu curso adopta en principio unha dirección N-S, coa que penetra no concello de Castrelo do Val pola parroquia de Portocamba. Alí vira cara ao L e segue pola parroquia de Campobecerros. Nela encórase na presa das Portas, que xera un pantano cunha capacidade de 473 hm3, aproveitando a confluencia cos seus tributarios, o Ribeira Pequena e o Ribeira Grande. O encoro das Portas anegou a maior parte da parroquia de Veigas de Camba, no concello de Vilariño de Conso, e o Camba prosegue despois polas parroquias de Fornelos de Fiollás e Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo, mantendo a mesma dirección, basicamente O-L. Na última destas parroquias vira cara ao N e penetra entre as parroquias de Bembibre e Caldesiños onde encora de novo, desta vez no encalco do Vao que na súa condición de cóbado de captura do Bibei constitúe a súa desembocadura.