cambiador -ra
(< cambiar)
-
s
Persoa que se dedica ao cambio de diñeiro ou de valores.
-
s
[HIST]
Persoa que se dedicaba a cambiar moedas por outras de valor equivalente, á vez que podía ter cartos en depósito, facer operacións de préstamo e negociar letras de cambio. Orixinariamente só se ocupaba do cambio de moedas, operación que tiña lugar sobre unha mesa de cambio. A finais do s XIII os clientes acostumáronse a deixar en depósito aos cambiadores parte do seu capital, pola facilidade con que podían ordenar os pagamentos pola súa conta a outro cliente. Non obstante, os cambiadores tamén utilizaban os depósitos para realizar operacións de préstamo, baixo o seu risco ou actuando como mediadores; estes cambiadores podían crebar e por iso se lles esixía unha gran garantía para posuír mesa de cambio. Tamén podían, mediante unha letra de cambio, ordenar pagamentos noutro lugar e noutra moeda a favor dunha terceira persoa, a conta da que encargaba a operación. Isto esixía un coñecemento especulativo das variacións do valor das diversas moedas no comercio internacional e deu lugar, desde o s XV, a un novo axente especializado, o banqueiro.