cambiar

cambiar

(< lat tardío cambiāre)

  1. v t
    1. Dar unha persoa ou cousa e recibir outra a cambio.

      Ex: Cambiou o apartamento da praia por un piso no centro. Os meus amigos non os cambiaría por nada no mundo.

      Confrontacións: conmutar, intercambiar, permutar.
    2. Dar unha cantidade de diñeiro nun tipo de moeda e recibir o equivalente noutra distinta ou ben en moedas de menos valor.

      Ex: Necesito cambiar os dólares que me sobraron da viaxe.

      Confrontacións: intercambiar, permutar.
    3. Dirixirse dúas ou máis persoas saúdos, olladas ou palabras. OBS: Nesta acepción leva o suxeito en plural.

      Ex: É importante que nos reunamos e cambiemos impresións.

      Sinónimos: intercambiar.
  2. v t

    Retirar ou deixar unha cousa ou unha persoa no lugar doutra. OBS: Pode ir seguido dun complemento introducido pola preposición de.

    Ex: Cambia ese disco e pon algo máis tranquilo. No segundo tempo cambiaron o porteiro por lesión. O raposo cambia de pelo, pero non de mañas.

    Sinónimos: mudar.
  3. v t
    1. Facer que algo ou alguén adquira características ou situacións diferentes ás que tiña.

      Ex: A tintura cambia a cor dos cabelos.

      Sinónimos: modificar. Confrontacións: alterar.
    2. Facer que unha cousa se transforme naquilo que se expresa.

      Ex: Ten a capacidade de cambiar os defectos en virtudes.

  4. v t

    Quitar unha cousa ou unha persoa do lugar onde estaba para colocalo noutro distinto.

    Ex: Cambiou a televisión da cociña para a sala. Cambiaron os pacientes do hospital de andar.

  5. v t e pron

    Quitar a alguén ou quitarse un mesmo a roupa que leva posta para pór outra.

    Ex: Xa cambiei o neno tres veces e non me quedan cueiros limpos. Cámbiate, que á festa con eses trapos non te levo!

    Sinónimos: mudar.
  6. v i
    1. Experimentar unha transformación unha persoa ou unha cousa.

      Ex: Moito cambiaches desde que non nos vemos.

      Sinónimos: mudar.
    2. Volverse diferente en relación a algo que se indica.

      Ex: Cambiou de idea e non veu á festa.

  7. v i

    Deixar unha vivenda ou un lugar de residencia por outro.

    Ex: Cambia de residencia cada ano.

  8. v i

    Modificar a súa dirección o vento ou unha embarcación.

    Ex: O vento cambiou e arrastrou a chalana novamente á praia.

    Sinónimos: virar.
  9. v i e t

    Meter unha marcha distinta á que levaba un vehículo con motor.

    Ex: Na rampa, cambia cando vexas que o motor non tira con forza. Como estaba sen freos, cambiei a marcha para reducir a velocidade.

  10. v pron

    Pasar algo a un estado diferente.

    Ex: O amor cambiouse en ira ó saber que o enganara.

  11. v pron

    Deixar de habitar unha vivenda ou de realizar un traballo para trasladarse a outro lugar ou realizar un labor distinto. OBS: Úsase coa preposición de cando indica a orixe do movemento e coa preposición a e para cando indica a dirección do cambio.

    Ex: Este ano xa se cambiou de traballo tres veces. Cambiuose á aldea veciña.

Conxugar
VERBO cambiar
Forma verbal: Infinitivo

Indicativo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambio
cambias
cambia
cambiamos
cambiades
cambian
Pretérito imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiaba
cambiabas
cambiaba
cambiabamos
cambiabades
cambiaban
Pretérito perfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiei
cambiaches
cambiou
cambiamos
cambiastes
cambiaron
Pretérito pluscuamperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiara
cambiaras
cambiara
cambiaramos
cambiarades
cambiaran
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiarei
cambiarás
cambiará
cambiaremos
cambiaredes
cambiarán
Condicional Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiaría
cambiarías
cambiaría
cambiariamos
cambiariades
cambiarían

Subxuntivo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambie
cambies
cambie
cambiemos
cambiedes
cambien
Imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiase
cambiases
cambiase
cambiasemos
cambiasedes
cambiasen
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiar
cambiares
cambiar
cambiarmos
cambiardes
cambiaren

Imperativo

Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
-
cambia
-
-
cambiade
-

Formas nominais

Infinitivo conxugado Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
cambiar
cambiares
cambiar
cambiarmos
cambiardes
cambiaren
Xerundio cambiando
Participio cambiado
cambiada
cambiados
cambiadas