cambio
(
-
Semanario de información xeral fundado no ano 1971 en Madrid polo grupo Información y Publicaciones S A, do que foi presidente Luis González Seara. Aínda que nun principio se dedicaba exclusivamente a temas económicos e financeiros, co tempo introducíronse contidos sociais e políticos. Por mor da súa orientación política e da súa oposición á ditadura e á Lei de Prensa de 1966, sufriu diversas sancións e secuestros das tiraxes. O seu obxectivo era democratizar a prensa española. Conseguiu un gran prestixio polo ritmo áxil e anticonformista das súas informacións; de feito, rexistrou un dos índices de impresión máis altos da prensa española nos anos setenta con máis de 550.000 exemplares. En 1976 a mesma empresa editora sacou ao mercado o xornal Diario 16 e, pouco tempo despois, a revista dedicada a temas históricos Historia 16. Desde 1983 participou, coa Cadena Ser, na cadea de emisoras Radio Minuto.
-
s
m
Acción e efecto de cambiar ou cambiarse.
Ex: Por mor do cambio de horario de saída do avión, quedaremos en terra. Afectoulle tanto o cambio de clima que agora está moi recuperado da súa doenza.
Sinónimos: troco. Confrontacións: mudanza. -
s
m
-
Conxunto de moedas ou billetes que se dan en equivalencia doutros de máis valor en si mesmos.
Ex: No banco déronme cambio do billete de cinco mil: tres billetes de mil, dúas moedas de cincocentas e dez de cen pesetas.
Sinónimos: troco. -
Cartos que se lle devolven a unha persoa ao pagar algo cunha cantidade superior ao seu prezo.
Ex: O cambio eran cinco duros e deixeillos quedar ao camareiro.
Sinónimos: troco, volta. -
Conxunto de moeda fraccionaria.
Ex: Os ladróns levaron todo o cambio que había na caixa do bar.
-
-
[ECON]
-
s
m
Adquisición dun tipo de moeda distinta da que se posúe. O cambio de moeda, como caso particular do fenómeno económico do cambio, responde principalmente ao feito da coexistencia dun conxunto de sistemas monetarios diversos e ao establecemento dunha relación convencional de conversión entre as distintas moedas. Coa aparición da actividade comercial a grande escala, a necesidade de facilitar as transferencias de moeda entre distintos mercados (cambio traxectorio) levou á progresiva especialización na actividade de cambiar moeda. Neste proceso de adaptación, a función do cambio de moeda forma parte das actividades bancarias normais e está regulada por disposición da autoridade monetaria e polos mecanismos dependentes da taxa de cambio.
Ex: O cambio do euro con respecto ao dólar baixou nestes últimos días.
-
s
m
Prezo da cotización dos valores mercantís.
Ex: Subiu o cambio das accións da súa empresa
-
contrato de cambio
Antigamente, pacto que daba lugar á emisión dunha letra de cambio como consecuencia dun troco de moedas.
-
taxa de cambio
Prezo dunha divisa estranxeira en termos da unidade monetaria nacional. Expresa o número de unidades monetarias nacionais que hai que entregar para conseguir unha unidade monetaria estranxeira. A taxa de cambio determínase polas condicións de oferta e demanda no mercado de divisas. Como variable económica relevante, a taxa de cambio aparece vinculada aos niveis de demanda efectiva da comunidade, salarios e taxa de interese. A súa manipulación, no tocante á política económica, permite fundamentalmente dúas alternativas: a libre flutuación, chamada taxa de cambio variable, que asegura o equilibrio da balanza de pagamentos, e a taxa de cambio fixa, que se produce cando a relación entre a unidade monetaria estatal co ouro ou cunha moeda de reserva está determinada polo goberno. Se a taxa de cambio que marca o mercado libre coincide coa fixa, hai equilibrio; doutro xeito, o goberno, antes de desvalorizar ou revalorizar, realiza un programa de estabilización interna co fin de equilibrar a balanza de pagamentos que condiciona directamente a oferta e a demanda de divisas. Ao comezo dos anos setenta implantouse na maioría dos países un sistema de cambio flexible, no que as flutuacións da taxa de cambio están suxeitas a un certo control político co fin de evitar especulacións. A experiencia non foi tan favorable como esperaban os seus defensores e a polémica entre taxas de cambio variables e taxas de cambio fixas continúa viva.
-
s
m
-
[ECON]
-
s
m
Forma de distribución das mercadorías na sociedade. A superación dunha economía de autoconsumo coa introdución da división do traballo esixiu historicamente a aparición do cambio, que nun principio se facía polos procedementos de intercambio ou troco (economía de intercambio) e, posteriormente, coa introdución do diñeiro. En ambos os dous casos, o problema que o cambio implicaba consistía na determinación dun indicador xeral da estrutura das relacións de equivalencia entre os distintos bens producidos dentro dunha comunidade económica, isto é, o valor de cambio relativo a cada ben ou mercadoría. Dentro da escola clásica o cambio apareceu como un concepto inherente ao home, a quen correspondía o exercicio dunha actividade “natural”, caracterizada polo feito de producirse entre mercadorías equivalentes que teñen no traballo incorporado ou no traballo contido a esencia do valor. O marxismo defende a existencia dunha lei do valor que regula o cambio de mercadorías sustentada no cambio equivalente; partindo deste principio formula a desigualdade no cambio, tanto nas relacións entre capital e traballo como a escala nacional, o que explica o cambio desigual entre países.
-
libre cambio
Situación económica caracterizada por unha ampla capacidade operativa das leis de mercado, que determinan espontaneamente a formación das relacións de equivalencia (prezos) entre os bens e os factores da produción, tanto interna como internacionalmente. Esta situación atopou no librecambismo a súa expresión política e económica máis divulgada.
-
s
m
-
cambio de marchas/cambio de velocidades
-
[TECNOL]
Dispositivo constituído por dous eixes -un de entrada (primario) e outro de saída (secundario)- conectados entre eles por un sistema que permite variar a velocidade dun respecto á do outro. Utilízase primordialmente como elemento da transmisión nos vehículos automóbiles -montado entre o motor e as rodas- para adaptar a velocidade máis favorable do motor ás variables condicións de resistencia ao avance co que se atopa o vehículo. Esta adaptación pódese facer de forma case continua, sen saltos (cambios de marcha automáticos), con convertedor de par, con embrague hidráulico ou con variador continuo de velocidade, ou de xeito discontinuo, con saltos no paso dunha marcha a outra (cambios de marcha manuais). A potencia permanece constante á entrada e á saída, a excepción de pequenas perdas; o rendemento mecánico é do 95%. Xeralmente todas as marchas son redutoras, excepto a chamada marcha directa (a cuarta nos automóbiles), na que o eixe de entrada e de saída, conectados directamente, xiran á mesma velocidade; nos automóbiles modernos, as caixas de cambio teñen unha marcha superior (a quinta velocidade), que fai que o eixe de saída xire máis rápido có de entrada. Os cambios de marcha manuais constan de tres árbores: a primaria e a secundaria, aliñadas, e a intermediaria, paralela ás outras dúas. Nos cambios modernos as engrenaxes son de dentado inclinado ou helicoidal e están montadas en toma constante, é dicir, que o par de rodas dentadas que corresponde a cada marcha están permanentemente engrenadas. As rodas dentadas do eixe intermediario forman un corpo único con el -excepto o piñón da primeira marcha que forma parte do eixe primario-, mentres que as rodas dentadas das outras marchas xiran sen control sobre o eixe secundario (punto morto). Cando, mediante a panca de selección de marchas, se fai desprazar unha das cabezas dentadas interiormente (bailador) -provisto dunha estría interior que lle permite escorregar sobre o eixe e un sincronizador- e encravaa sobre unha das rodas que xira sen control, esta queda inmobilizada sobre o secundario e transmite o movemento que recibe do eixe intermediario, segundo a relación de velocidades escollida; a marcha atrás, xeralmente sen sincronizador, introdúcese facendo engrenar unha roda inversa entre unha engrenaxe do intermediario e outra do secundario. Os cambios de marcha automáticos están constituídos por uns xogos de engrenaxes planetarias que, mediante a activación automática duns embragues de disco dirixidos por un sistema electrónico trábanse ou destrábanse, facendo variar as relacións de transmisión.
-
Dispositivo composto por un xogo de piñóns de diámetros distintos suxeitos a un mecanismo único de roda libre, que pode levar ademais ata tres pratos, tamén de diámetros distintos, montados de forma adxacente ao eixe de pedais. As diferentes combinacións de pratos e piñóns, controladas por un sistema manual, proporcionan unha gama de relacións de velocidade. OBS: Tamén se denomina cambio.
Ex: A ver se me axudas a amañar a bicicleta porque non lle funciona o cambio de marchas.
-
[TECNOL]
-
[LING]
-
s
m
Calquera mutación que sofre a lingua.
-
cambio fonético
Modificación que sofre un son na evolución dunha lingua. Pode producirse por mutación, cando o fonema cambia debido a un salto tal e como ocorreu, por exemplo, no galego coa sonorización das consoantes oclusivas xordas intervocálicas latinas (LUPU > lobo, CATĔLLA > cadela, FŎCU > fogo), ou por unha evolución gradual como pode ser no galego o paso de [ts] a [ɵ] ou [s] nas áreas de galego seseante (FŎRTĬA > força > forza). Cando un cambio fonético acaba modificando o sistema fonolóxico recibe o nome de cambio fonolóxico (substitución do fonema /ts/ polo fonema /ɵ/ ou o fonema /s/ no galego con seseo).
-
cambio semántico
Alteración que se produce na significación dunha palabra. Pode producirse seguindo varios procedementos: a) por restrición do significado primitivo, por exemplo, república ‘cousa pública’ pasou a significar ‘forma específica de goberno’; b) por ampliación do significado, por exemplo, bárbaro ‘relativo ou pertencente aos pobos non gregos’ pasou a significar ‘bruto’, ‘cruel’; e c) por transferencia de sentido, fenómeno que caracteriza os tropos (metáfora e metonimia), por exemplo araña ‘insecto’/‘lámpada’.
-
s
m
-
cambio climático
[CLIMAT]
Hipótese de alteración do clima terrestre que defende a orixe antrópica do incremento das temperaturas observado dende mediados do s XIX. Segundo esta idea, o proceso de industrialización desenvolvido polo ser humano dende ese século introduciu un novo elemento no sistema atmosférico, vinculado ás emisións de gases pola queima de combustibles fósiles. Isto aumentou a presencia de gases que parecen alterar o sistema terrestre de radiación ao impedir as saídas de radiación de onda longa ao espacio; de aí a denominación gases de efecto invernadoiro. Non foi ata a década de 1970 cando a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) comezou a formular de maneira definitiva o posible cambio climático. Houbo xa unha alusión concreta na Conferencia da ONU sobre Medio Ambiente en 1972, pero o tema non se presentou en termos semellantes aos actuais ata a I Conferencia Mundial sobre o Clima, organizada pola OMM e outros organismos internacionais en 1979. Naquela ocasión xa se falou do aumento do efecto invernadoiro por causas humanas e das consecuencias sociais e económicas dun cambio climático. En 1980 o director do Observatorio Xeofísico de Leningrado, o profesor Budyko, publicou a versión inglesa da súa obra O clima da Terra: presente e futuro. Budyko fala no seu libro do ascenso das temperaturas, a subida do nivel do mar e doutras previsións pouco tranquilizadoras. Foi a partir deste traballo cando se comezou a crear unha consciencia mundial sobre o previsible cambio do clima. En 1985 tivo lugar a Conferencia de Villach (Austria), convocada pola OMM, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente e o Consello Internacional de Unións Científicas. Nesta conferencia expúxose o “escenario” da duplicación do CO 2 no ano 2030 e, como consecuencia, o aumento da temperatura mundial entre 1,5°C e 4,5°C, así como un ascenso do nivel do mar entre 20 e 140 cms e un incremento térmico moito maior nas zonas polares que nas ecuatoriais. Os resultados de consenso que se ofreceron en Villach foron moi preocupantes e causaron un grande impacto no mundo científico e político, o que xustificou a posterior realización de sucesivas reunións internacionais sobre o tema. En 1987 o X Congreso Mundial da OMM propuxo a creación dun organismo intergobernamental que estudiase o cambio climático, e en 1988 constituíuse o IPCC (Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático). Ao abordar o tema do cambio climático, débese diferenciar, por unha parte, unha realidade composta por unha serie de feitos que apuntan a un cambio de clima, como os resultados de diversas investigacións sobre a variación dos elementos do clima no pasado, a constatación dun cambio da composición da atmosfera ou as predicións de cambio climático ás que chegan varios modelos matemáticos, e, por outra, unha serie de incertezas relacionadas cos complexos mecanismos do sistema climático, a evolución do clima ao longo da historia da Terra ou o propio funcionamento dos modelos matemáticos. A través de diversos estudios e investigacións realizadas en todo o mundo e baseadas en climas de épocas anteriores, calculouse que no último século houbo un aumento da temperatura media planetaria, arredor de 0,5°C. No primeiro informe da Rede Europea do Clima, realizado con datos históricos achegados polos dezasete institutos meteorolóxicos europeos da rede e presentado en marzo de 1995, confirmouse ese incremento térmico en boa parte de Europa, pero recoñécese como principal motivo de incerteza a gran variabilidade natural que caracteriza o clima europeo, ademais de destacar o posible efecto da urbanización sobre as temperaturas. Conclusións semellantes alcanzáronse na I Reunión do Grupo de Climatología de la Asociación de Geógrafos Españoles en 1994, onde se afirmou que na Península Ibérica, como en todo o conxunto do hemisferio norte, se produciu un quentamento global ao longo do presente século que afectou a todas as zonas e, de forma máis acusada, ás temperaturas mínimas. En Galicia, un grupo de investigadores do Instituto Pirenaico de Ecoloxía realizaron unha reconstrución do clima dende o s XVII mediante a observación do crecemento dos aneis dunha serie de árbores centenarias. Os resultados mostran que as temperaturas sufriron dende o s XIX un aumento moi suave. Esta tendencia á suba coincide coas observadas no interior peninsular, pero en Galicia presenta unha menor intensidade. Isto pode deberse a que Galicia se atopa a unha maior latitude e baixo un dominio climático máis húmido que pode diminuír os efectos do cambio. Se continúan no futuro as mesmas tendencias, os cambios climáticos en Galicia serían moi suaves. Produciríase un pequeno aumento xeral das temperaturas, sobre todo das mínimas; habería máis chuvias no inverno e menos no verán. O clima de Galicia sería menos frío e máis húmido no inverno, mentres que no verán sería un pouco máis cálido e seco. Estas conclusións coinciden con outros estudios realizados noutras rexións marítimas do O de Europa, como as Illas Británicas ou a Bretaña francesa, cun clima moi semellante ao de Galicia. Dos modelos matemáticos utilizados nestes estudios conclúese que os invernos, os outonos e as primaveras serían bastante máis cálidos, mentres que o verán sería só algo máis quente. Respecto ás precipitacións, parece que nestas rexións máis próximas ao Océano Atlántico se produciría un aumento das chuvias no inverno, debido á intensificación da circulación atmosférica do oeste, mentres que a estación seca estival se prolongaría durante máis tempo. Paralelamente á tendencia crecente das temperaturas, constatouse un cambio da composición química da atmosfera dende mediados do s XIX. O principal gas de efecto invernadoiro é o vapor de auga, pero a súa concentración na atmosfera segue a ser máis ou menos constante. En cambio, a concentración doutros gases, especialmente o dióxido de carbono, o metano e os clorofluorocarbonos non deixan de aumentar. A concentración dos dous primeiros gases incrementouse notablemente dende o comezo da Revolución Industrial, especialmente polo uso de combustibles fósiles, e a do terceiro, despois da Segunda Guerra Mundial. No caso do dióxido de carbono, os rexistros do observatorio de Mauna Loa en Hawaii, en funcionamento dende 1958, amosa un incremento continuado da concentración de CO 2 , dende 315 ppm (partes por millón) naquel ano ata máis de 360 ppm na actualidade. A través de medicións indirectas estimouse que a concentración de dióxido de carbono atmosférico antes da industrialización era dunhas 280 ppm. Segundo estes datos cómpre formular a hipótese dunha duplicación da concentración do dióxido de carbono antes de finalizar o s XXI, utilizada polos modelos matemáticos empregados para predicir os cambios do clima. O IPCC desenvolveu intensos traballos dende a súa creación ata a II Conferencia Mundial do Clima, celebrada en Xenebra en 1990, onde expuxo as súas conclusións. Alcanzouse un consenso científico fundado na boa coincidencia dos resultados proporcionados por uns quince modelos. Este consenso permitiu establecer unha proxección da concentración de dióxido de carbono na atmosfera durante o s XXI, segundo diferentes formulacións ou escenarios que van dende o mantemento actual da emisión de gases con efecto invernadoiro, co que a súa duplicación se alcanzaría cara ao ano 2025, ata un escenario de políticas aceleradas que suporía unha forte contención de emisións e un atraso da duplicación do dióxido de carbono actual, que tería lugar a finais do s XXI. Estas valoracións permitiron avanzar predicións tanto para o aumento da temperatura global, que oscilaría entre 1,5°C e 4,5° C, como para a elevación do nivel dos mares, entre os 10 e 120 cms. Non obstante , xunto a todas estas conclusións formuláronse incertezas provocadas por diversos interrogantes que aínda quedaron por contestar. Un deles é o que se refire aos grandes sumidoiros dos gases invernadoiro, como por exemplo a desaparición do dióxido de carbono no mar, que se podería alterar a raíz do futuro cambio climático. O funcionamento do sistema climático, do que non se coñecen aínda adecuadamente os ritmos, podería tanto acelerar como atrasar o efecto do cambio climático antrópico. Por último, e como recoñecen os propios expertos do IPCC, os modelos climáticos presentan imperfeccións importantes; unhas débense a limitacións de resolución e potencia de cálculo, mentres que outras se relacionan co insuficiente coñecemento dos procesos físicos que gobernan o clima. Os modelos matemáticos son, pois, ferramentas criticables, aínda que existe unha certa confianza en que poidan predicir os grandes trazos do clima. A historia xeolóxica demostrou, ademais, que a Terra sufriu fortes variacións e ciclos climáticos a moi longo prazo, como as grandes glaciacións cuaternarias. Estas parecen ligadas ás variacións periódicas da inclinación do eixe terrestre e da forma da órbita arredor do Sol, pero tamén poderían ser froito da redución da radiación solar provocada polo po desprendido por grandes erupcións volcánicas. Tamén se sabe que existen ciclos máis curtos, como o de 11 anos, que corresponde ao das manchas que se observan na superficie do Sol. De cando en vez prodúcense outros fenómenos, aínda sen unha clara explicación, como a inesperada chegada de augas cálidas ás costas de Perú, denominada El Niño. Este estraño fenómeno, que se acompaña dunha oscilación da presión atmosférica entre o L e o O do Pacífico sur, parece deberse a unha interacción entre os movementos da atmosfera e os do Océano. É, pois, moi difícil distinguir un verdadeiro cambio climático das flutuacións e variacións de distintas orixes naturais. É necesario asegurar que se están a rebordar máis do previsto os límites máximos e mínimos entre os que oscila o clima actual para poder afirmar que, efectivamente, se vai producir un cambio. Na actualidade este feito non está comprobado e, por isto, o cambio climático non deixa de ser unha hipótese sen ratificar. Nestas condicións, e a pesar das incertezas científicas, existe un risco para as xeracións inmediatas. Isto esixe, aínda a falta de certezas absolutas, que os gobernos tomen medidas co fin de evitar unha situación irreversible. Convén, pois, aplicar o principio de precaución aprobado no Cumio da Terra de Rio de Janeiro en 1992, que require un seguimento constante da situación, tanto da avaliación dos fenómenos como do efecto das medidas adoptadas. En decembro do ano 1997 celebrouse na cidade xaponesa de Kyoto a xuntanza internacional con máis trascendencia no tocante a medidas de control das emisións dos gases con efecto invernadoiro. No protocolo final adoptáronse acordos importantes de carácter xenérico, ratificados no Cumio de Bos Aires a finais de 1998, pero, sobre todo, recoméndouselles aos estados que cada un en particular se comprometese a unha redución determinada das súas emisións do ano 1990, incluíndo as emisións por combustións, procesos da industria, transporte, respiración de solos e raíces e incendios forestais, coas que se establecía unha porcentaxe de cambio que variaba do 92%, escollido para a maioría dos países, ata o 110% de Islandia. Só 39 países dos 174 asistentes ao protocolo definiron o seu compromiso de redución, entre eles España cunha taxa do 92%. A Unión Europea acordou, ao cabo, que o compromiso de redución o adoptaba como un conxunto, o que permitía que no seu seo os países tivesen diferentes taxas de emisión segundo o permitise a súa economía. Así, os países en vías de converxencia poderían seguir aumentando temporalmente as emisións. De feito, a España permitíuselle medrar un 15% con relación ao nivel de 1990. En Galicia a fonte fundamental de emisións de CO 2 (o principal gas invernadoiro) á atmosfera son as centrais térmicas das Pontes e Meirama. A actividade destas dúas centrais supón o 67% das emisións totais de Galicia. Mentres, os bosques galegos teñen un importante efecto sumidoiro, que supón o 20% do efecto sumidoiro total de España. Debido a esta situación e para respectar os acordos de Kyoto, habería que actuar sobre as emisións das centrais térmicas cambiando os combustibles, mellorando os rendementos enerxéticos ou reducindo a súa actividade. En canto aos bosques, habería que aumentar a súa extensión tendo en conta o ritmo de crecemento das repoboacións e da talla das árbores.
-
cambio de estado
[FÍS]
Paso dun corpo dun estado físico a outro.
-
cambio de rasante
Nunha vía, punto máis alto dunha costa que imposibilita a visibilidade da baixada que está a continuación.
-
cambio de vía
[TECNOL]
Dispositivo situado nas vías do tren ou do tranvía que permite que estes vehículos pasen, sen se deter, da vía na que están a outra converxente.
-
cambio marítimo
[DER]
Contrato aleatorio polo que o capitán ou patrón dun barco pedía prestada unha cantidade para gastos de reparación, negociación de mercadorías e outras actividades, coa condición de que, se a viaxe chegaba a bo fin, ademais de devolver o préstamo, pagaríalle unha recompensa ao prestamista. Este, pola súa banda, asumía o risco dos bens sobre os que se contratara o cambio -casco, carga, fretes gañados ou todo xunto-, de xeito que, en caso de ruptura destas garantías, perdía o capital prestado e a recompensa convida. Este contrato, documentado desde 1230, cumpría, asemade, funcións de seguro e de crédito para a navegación.
-
cambio social
[SOCIOL]
Concepto introducido na socioloxía por W. F. Ogburn en 1922 para superar todos os problemas que supuña tratar con termos como progreso, desenvolvemento ou evolución. A problemática do cambio social está na base do xurdimento da socioloxía como disciplina científica. As concepcións máis xerais, como as de Comte, Marx ou Durkheim, confúndense a miúdo cunha teoría da evolución da humanidade. Outras, máis particulares, tentan explicar fenómenos máis restrinxidos do cambio, como a teoría de Max Weber sobre as orixes do capitalismo. En principio, cambio social fai referencia simplemente á modificación ou transformación das estruturas sociais e mesmo do comportamento social. Esta definición precisa como condición necesaria, dunha análise en profundidade do punto de partida, da perspectiva e dos posibles resultados. O ideal está en relación directa coa determinación dos índices que medirán, en cada caso concreto, sen erros e con toda seguridade, os cambios producidos nunha estrutura ou nun comportamento social específico. Tendo en conta que toda sociedade, por principio, resulta complexa, os ritmos de cambio nos distintos sectores serán diferentes, de maneira que se poden producir tensións que deberían ser consideradas na medida en que ofrecen un referente para clarificar mellor os procesos de transformación. A educación e a socioloxía poden considerarse causas do cambio social. Desde este punto de vista hai que valorar, na súa xusta medida, a influencia dos sistemas de formación na transformación da sociedade, determinados por estruturas máis ou menos sólidas pero modificables en potencia, que se poden entender como variables dependentes do contexto social. Desde este punto de vista unha boa planificación educativa debe considerar os recursos e as estratexias máis axeitadas para acadar os obxectivos definidos, as metas que se queren conseguir e as accións que se deben levar adiante, de maneira que se poida determinar coa maior aproximación posible o futuro da educación. De igual modo, tamén cómpre ter en conta que existen dúas tendencias distintas á hora de concibir a planificación educativa: unha tendencia racionalizadora e outra que aposta polo cambio. Nesta última inclúense distintos enfoques: o innovador, o dialéctico e o prospectivo. Desde esta consideración pódese afirmar que o cambio social pode tomar múltiples direccións, sendo progresivo ou regresivo, permanente ou temporal, planificado ou non segundo os casos. De calquera xeito, e con independencia da dirección escollida, a intención de actuación sempre se basea na loita por cambiar tendencias, que ten na participación o seu principio básico. Existen, no ámbito do cambio social, dous modelos ben diferenciados: o de equilibrio, orientado cara ao evolucionismo e ao estruturalismo social, e o modelo de conflito de clara orientación marxista e, ás veces, anarcoutópica. No primeiro caso ponse a énfase na eficiencia, no capital humano, na adopción de innovacións e na progresiva diferenciación e especialización; polo tanto, fálase de sociedades asentadas en principios de produción capitalista, con todas as variantes posibles. No segundo caso, dáse moita importancia á creación dun home novo, baseándose, para iso, na eliminación dos elitismos e na progresiva desaparición de privilexios educativos; neste caso foméntase a solidariedade e a participación, rexeitando, pola contra, a explotación e a alienación.
Frases feitas
-
A cambio loc adv En compensación, en pago. Ex: Prestoulle o coche a cambio da moto. SIN: en troco.
-
En cambio loc adv Pola contra, non obstante . Ex: Non é extravertida pero, en cambio, é moi simpática.
Refráns
- A burro vello múdalle o alimento e darache o pelexo.
- A quen se muda, múdalle a ventura.
- Hoxe todo vai pola nova. Se iso é bo, mañá o dirá quen poida.
- Moitas veces mudarse non é mellorarse.
- Muda o lobo os dentes máis non as mentes.
- O lobo muda o pelo mais non o vezo.
- O que se muda, Deus o axuda.
- O que troca odre por odre, algún deles ten que ser podre.
- Odre por odre, un ha saír podre.
- Quen muda de amo, muda de fado.
- Se mudas ao vello de terra, logo che dará el a pelexa.