Cambó i Batlle, Francesc

Cambó i Batlle, Francesc

Político, avogado e financeiro catalán. Licenciouse en Filosofía e Letras (1896) e en Dereito (1897) en Barcelona. Fundou e dirixiu a Lliga Regionalista ata a súa desaparición (1936). Foi elixido deputado e, aínda que saíu derrotado nas eleccións posteriores á Semana Tráxica (1910), resultou reelixido en 1914 e nomeado ministro de Fomento en 1818, no goberno presidido por Maura. O seu prestixio decaeu por non acadar a aprobación do Estatut d’Autonomia. En 1923 retirouse da vida política e, unha vez instaurada a Ditadura, seguiu colaborando con La veu de Catalunya e publicou diversas obras. Cando caeu a Ditadura intentou soster a monarquía coa creación de Centro Constitucional, pero a proclamación da Segunda República fixo fracasar ese intento e trasladouse ao estranxeiro. Despois da transformación da Lliga Regionalista en Lliga Catalana (1933) continuou sendo un dos máximos dirixentes. O alzamento militar de 1936 sorprendeuno no estranxeiro e, aínda que se declaraba antifascista e antiditatorial, temía un triunfo revolucionario, polo que apoiou a Junta de Burgos. Cando acabou a Guerra Civil permaneceu no exilio en Suíza e, co comezo da Segunda Guerra Mundial, trasladouse aos EE UU; un ano despois instalouse en Arxentina. Investiu boa parte da súa fortuna na defensa da cultura catalana.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Verges

  • Deceso

    Lugar : Bos Aires