Cambridge University
Centro de ensino superior establecido en Cambridge (Inglaterra) e considerado como unha das universidades máis antigas e de máis prestixio de Europa. Formouse a partir de 1209. Baixo a influencia de Erasmo converteuse nun centro activo de difusión das ideas do Renacemento e nun importante núcleo reformista. A partir da mestría de Isaac Newton (1667-1701) adquiriu especial relevo o estudo das matemáticas, e xa no s XIX o das ciencias naturais e da física. A universidade recoñece dezaoito colexios (colleges) masculinos (entre eles, Peterhouse, fundado en 1284; o Corpus Christi College, 1352; o King’s College, 1441; e o Trinity College, 1546) e dous femininos, ademais de catro fundacións afiliadas. O goberno da universidade é autónomo: réxese a través do senado (formado polos masters), da regent house e do consello do senado.