Camerún
Estado da África ecuatorial, que limita con Nixeria ao O e ao N, co Chad ao N, coa República Centroafricana ao L, co Congo ao SL, con Gabón e Guinea Ecuatorial ao S e co golfo de Guinea ao O (465.458 km2; 12 662 h [1992]). Esténdese entre os 13°-2° de latitude N e os 8°-16° de lonxitude L. A capital é Yaoundé.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O sector costeiro do país está formado por un conxunto de chairas e rexións montañosas, interrompidas ao NO polo macizo volcánico do monte Camerún (4.070 m de altitude). Cara ao interior localízase unha rexión de transición con pequenos altiplanos escindidos por vales profundos. Estes rematan ao L e NL nunha serie de zonas escarpadas que levan á rexión de altiplanos do Camerún central, que culmina no macizo de Adamaoua (1.500 m). Ao N hai unha zona de chairas, drenadas polo río Bénoué, e un conxunto de altiplanos graníticos moi erosionados que forman os montes Mandara. No referente á vexetación, a rexión litoral está ocupada pola selva chuviosa tropical e os altiplanos do interior, por bosques, pero xa máis raros. Ao N do país, a vexetación dominante é a sabana coa súa fauna característica de grandes mamíferos.
Hidrografía e climatoloxía
A rexión litoral ten un clima ecuatorial; nos altiplanos meridionais e no macizo de Adamaoua, o clima é tropical chuvioso; ao N, na cubeta do Chad, o clima é tropical seco. Na costa a chuvia é case constante e pode alcanzar case os 10.000 mm ao ano. Ao N a precipitación descende bruscamente cunha media anual de 380 mm. Ademais do Bénoué destacan os ríos Sanaga e Nyong, que desembocan no Océano Atlántico, así como o Mbéré e o Logone cun percorrido cara ao N ata o lago Chad.
Medio ambiente
A fauna e flora camerunesa é particularmente rica (coñécense máis de 8.000 especies de plantas) e variada, con numerosas endemias. A rexión litoral do país, condicionada polo clima húmido, ten como vexetación natural selvas tropicais que nos deltas costeiros se substitúen por mangleirais. No interior e no norte de Camerún o clima máis seco dá lugar a sabanas de matogueiras, arbustos espiñentos e bosques en galería seguindo o curso dos grandes ríos. A lexislación medioambiental camerunesa comeza en 1973 coa promulgación da primeira lei forestal aplicable a todo o territorio. A lei consideraba como elementos importantes no manexo forestal o establecemento de parques nacionais, a conservación de especies, a caza e a pesca. Esta normativa foi substituída pola lei promulgada en 1981 que estableceu reservas naturais integrais, parques nacionais, santuarios, reservas para a fauna, bosques para a produción, reservas forestais, xardíns botánicos e zoolóxicos. Camerún forma parte da World Heritage Convention dende 1987 e tres espacios cameruneses foron aceptados nas reservas da biosfera que establece a UNESCO no programa Man and the Biosphere. Non ten subscrito o tratado de Ramsar, pero, desde 1968, forma parte da African Convention of Nature and Natural Resources. Os parques naturais de Camerún son Bénoué, Boubandjidah, Faro, Kalamaloue, Korup, Mozogo-Gokoro e Waza.
Xeografía económica
Economía
Camerún experimentou dende a súa independencia (1960) unha evolución racional cara ao desenvolvemento. Unha planificación indicativa distribuída en catro plans quinquenais conseguiu unha diversificación da agricultura e unha renda por habitante (879 $ USA) superior nun 10% á media de África. Non obstante , a escasa administración pública continúa a obstaculizar o fortalecemento da economía, fortemente dependente das exportacións de produtos agrícolas e materias primas, e impide empregar eficazmente as axudas procedentes do Fondo Monetario Mundial e do Banco Mundial que subordinan os programas de asistencia ao cumprimento dunha política moi estrita macroeconomicamente. O gasto é superior aos ingresos cun déficit medio do 5% do PIB, que en 1991 era de 11.230 millóns de $ USA. A moeda oficial é o franco da Comunidade Financeira Africana, vinculado ao franco francés cunha taxa de cambio fixa, polo que está integrado na área do euro.
Recursos e sectores de actividade
A actividade agrícola ocupa o 70% da poboación e supón o 29% do PIB. Predominan as pequenas explotacións (sobre todo de café). Existen, sen embargo, grandes plantacións (bananas, caucho, palmas de aceite, té, cacao e ananás). Os cultivos tropicais están destinados á exportación, mentres que os aguacates, os tubérculos e as raíces, como o iñame e o arroz están destinados ao consumo local. A gandería é importante no macizo de Adamaoua central e nas rexións norteñas; destacan o gando bovino (4,9 millóns de cabezas), porcino (1,4 millóns de cabezas), ovino (3,8 millóns de cabezas) e cabrún (3,8 millóns de cabezas). Os xacementos minerais non son demasiado coñecidos e explotados. A única extracción industrialmente importante é a de petróleo. A produción de cru comezou en 1970 e na actualidade alcanza os 55 millóns de barrís ao ano. Tamén se extraen cantidades pequenas de estaño e ouro. A actividade pesqueira aumentou de forma considerable nos últimos anos, especialmente dende o porto de Douala. A finais de 1980 as capturas eran de case 78.000 t, e un 25% correspondía á pesca en auga doce. A industria ata a Segunda Guerra Mundial limitouse á elaboración de produtos agrícolas. Ultimamente deuse un grande impulso á metalurxia da bauxita, e tamén á produción de artigos metalúrxicos e alimentarios. As industrias artesanais están moi desenvolvidas.
Comercio exterior
O comercio exterior é bastante pobre. Os principais produtos destinados á exportación son o petróleo, o cacao e o café, seguidos da madeira e o algodón, alcanzando un valor de 1.867 millóns de $ USA. Os principais países receptores son Francia e, en xeral, os países da UE. As importacións principais son de maquinaria, ferro, aceiro e material de transporte, así como de medicamentos, cun valor de 1.511 millóns de $ USA. Os principais países emisores son igualmente a UE, sobre todo Francia.
Transportes e comunicacións
As comunicacións, sobre todo nas rexións occidentais, son deficientes: dos 70.570 km de estradas en 1995, só 4.288 estaban asfaltados, e as restantes son intransitables na época de chuvias. As mellores estradas unen Yaoundé, a capital, e Douala. O ferrocarril, con 1.006 km (1995), está en curso de ampliación. Os aeroportos principais de Camerún localízanse en Douala, Garoua e Yaoundé. O principal porto marítimo é Douala, importante porto comercial para os países veciños sen saída ao mar. Destaca tamén a navegación fluvial polo río Bénoué, que está aberto tres meses ao ano, realizando gran parte do comercio con Nixeria.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento natural sitúase no 27‰ (1995), cunha taxa de mortalidade infantil bastante alta (63% [1996]) e un índice de natalidade do 39,9‰ (1995). Na estrutura por sexos, o 49,9% da poboación son homes e o 50,1%, mulleres. Na estrutura por idades, o 46% da poboación tiña menos de 15 anos en 1991, o 25% entre 15-29, o 15% entre 30-44, o 9% entre 50-60 e o 6% con máis de 60.
Poboamento
A densidade media de poboación é baixa (27 h/km2), aínda que as maiores concentracións de poboación están nas áreas central e occidental. Produciuse un proceso de concentración urbana acusado sobre todo nos últimos anos, situando a porcentaxe de poboación urbana nun 44,9% (1995). As principais cidades son Yaoundé (1.000.000 h [1991]), Douala (1.200.000 h [1991]) e Nkongsamba (86.900 h [1981]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
No Camerún existen ao redor de 200 grupos étnicos diferentes, entre os que destacan os fang (20%), bamileké (18%), duala (15%), fulbé (10%) e outros grupos minoritarios como os hausa, os ibo ou os ewe; os europeos (franceses, británicos, alemáns, etc) non constitúen máis do 1% da poboación. Nas rexións meridionais viven uns dous millóns de bantús e tamén semibantús; a selva tropical, nas rexións centrais, está habitada por uns 15.000 pigmeos; e as rexións centrais e setentrionais están habitadas predominantemente por pobos sudaneses islamizados. As linguas oficiais son o francés e o inglés, pero ademais fálanse ao redor de 279 linguas africanas pertencentes á familia afroasiática (entre outras, o daba, giziga e musgu), á níxer-congo (entre outras, o bulu, bafut, bamun, bata, duala, fang, gbaya, lamnso, mambila, mumuye e tupuri) e á nilo-sahariana (entre outras, o kanuri e o ngambay). En canto á relixión, non hai ningunha oficial: o 40% da poboación é animista, o 22% musulmana, o 21% católicos e o 15% protestantes. O esquema da educación francesa predomina nas escolas do Camerún. En 1990 o número de alumnos nas escolas primarias era de 2,1 millóns e de 397.200 nas secundarias. No ensino superior destaca a universidade de Yaoundé, con facultades de dereito, artes e ciencias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Camerún entre os países cun baixo desenvolvemento humano (ocupa o 134º posto cun índice do 0,536). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 54,7 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 71,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 43%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.890 $ USA.
Goberno e política
Despois de ser un protectorado alemán e de estar baixo a administración fiduciaria da ONU, a República do Camerún constituíuse o primeiro de outubro de 1961 trala unificación entre o territorio baixo a administración francesa (independente dende 1960) e británica. A Constitución de 1972, emendada en varias ocasións, modificou a estrutura federal do estado que se organizou unitariamente e ratificou o carácter presidencialista do goberno; dende 1990 introduciuse o pluripartidismo político. O poder executivo está formado polo presidente da república, elixido mediante sufraxio universal por sete anos; o primeiro ministro, designado polo presidente; e o Consello de Ministros, elixido tamén polo presidente. O presidente é, ademais, comandante das forzas armadas e designa os gobernadores das provincias. O poder lexislativo corresponde á Assemblée Nationale/National Assembly (Asemblea Nacional), formada por 180 membros elixidos para un período de 5 anos; o presidente ten a facultade de disolvela. O sistema xudicial está baseado no dereito francés con algúns elementos do sistema inglés. O órgano xudicial superior é a Corte Suprema, designada igualmente polo presidente. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte está en vigor. Segundo os informes elaborados por Amnistía Internacional abundan os delitos cometidos polas forzas de seguridade contra os dereitos humanos, entre eles están as execucións extraxudiciais de numerosos cidadáns e a detención ilegal de críticos e opositores ao goberno, a maioria deles considerados presos de conciencia por AI. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967), Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller e Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). Os partidos políticos máis importantes son: Rassemblement Démocratique du Peuple Camerounais/Cameroon People’s Democratic Movement (RDPC/ CPDM, Agrupamento Democrático do Pobo Camerunés), conservador, presidido polo Presidente Paul Biya; Social-Democratic Front/Front Social-Démocratique (SDF/FSD, Fronte Socialdemócrata), socialdemócrata, liderado por John Fru Ndi; Union Nationale pour la Démocratie et le Progrès/National Union for Democracy and Progress (UNDP/NUDP, Unión Nacional para a Democracia e o Progreso), islamista moderado, dirixido por Maigari Bello Bouba; Union Démocratique du Cameroun/Democratic Union of Cameroon (UDC/DUC, Unión Democrática do Camerún), que mantén unha oposición non programática ao goberno. Outros partidos, apenas representados na Asemblea Nacional son: Mouvement pour la Défense de la République (MDR, Movemento pola defensa da República) e Union des Populations du Cameroun (UPC, Unión dos Pobos do Camerún). Administrativamente o país está dividido en dez provincias. A delimitación das fronteiras internacionais entre os países da beira do lago Chad, que no pasado foi motivo de numerosos incidentes, está completa e espera ser ratificada por Camerún, Chad, Níxer e Nixeria; a disputa con Nixeria sobre os límites terrestres e mariños ao redor da península de Bakasi e o lago Chad está actualmente en mans da Corte Internacional de Xustiza, así como a disputa con Guinea Ecuatorial sobre a Zona Económica Exclusiva. Forma parte destes organismos internacionais: Commonwealth, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA), e está asociado á Unión Europea.
Historia
O río Sanaga foi poboado orixinariamente por tribos pigmeas e por grupos de antigos bantús, e a costa estaba ocupada polos dualas. A costa de Camerún foi explorada en 1472 por Fernão do Pó. Ao comercio portugués co Camerún (escravos e marfil, principalmente) sumáronse os alemáns e os británicos, que estableceron bases na costa a partir do s XIX e asinaron pactos con xefes locais. A pugna entre Alemaña e o Reino Unido en Camerún acabou coa sinatura dun tratado (1884) entre o alemán Gustav Nachtigal e os dualas, que establecía un protectorado alemán na zona. En 1911 Alemaña obtivo de Francia o recoñecemento duns territorios da África ecuatorial, a cambio da cesión dos dereitos sobre Marrocos. Os europeos estableceron grandes plantacións de cacao, palmeiras e caucho, trazaron estradas e pontes e iniciaron a construción dun ferrocarril e do porto de Douala. Durante a Primeira Guerra Mundial, os aliados ocuparon Camerún. O Tratado de Versailles (1919) ratificou e puxo baixo un réxime de mandato a división do Camerún: a zona noroeste (Camerún Occidental) pasou ao Reino Unido e o resto (Camerún Oriental), a Francia. Despois de 1945, o réxime en mandato foi substituído polo de territorio fideicomiso baixo a administración de Francia e do Reino Unido. Durante a década dos corenta no Camerún Oriental afirmouse o movemento político de independencia coa formación de máis de cen organizacións políticas con líderes como Anjoulat, Ahidjo, Okala, Soppo Priso, Mbida, Ruben Um Nyobé e outros. En 1958 o Camerún francés obtivo a autonomía. O país acadou a independencia o 1 de xaneiro de 1960 baixo o nome de Camerún Oriental, e Ahmadou Ahidjo foi o seu primeiro presidente. Ao ano seguinte, a ONU patrocinou un referendo no Camerún británico do que resultou a unión do Camerún do Sur á República do Camerún e a integración do Camerún do Norte a Nixeria. Trala independencia, o goberno de Ahidjo enfrontouse a unha rebelión inducida pola Unión Popular do Camerún, partido procomunista, que foi reprimida e abortada cara ao ano 1963. En 1972 adoptouse unha nova Constitución que estableceu un estado unitario, denominado República Unida do Camerún, de réxime autoritario. Ahidjo levou unha política de non aliñamento e de grande impulso da economía. No ano 1982 Paul Biya, anterior primeiro ministro, substituíu no poder a Ahidjo. En 1984 Biya contivo un golpe de estado promovido por un sector do exército, sobre todo musulmáns do norte, e ordenou a execución de máis de cincuenta oficiais. A raíz deses acontecementos, Biya purgou a fondo o exército, o partido e os directivos das empresas nacionalizadas e impuxo unha estrita censura. Nese mesmo ano o país cambiou o nome polo de República do Camerún. En 1986 liberou algúns presos políticos e en 1987 iniciou unha serie de reformas económicas que tamén afectaron ao sector público. Como consecuencia das numerosas protestas populares, apoiadas cada vez máis por sectores influentes da sociedade, en xuño de 1990, nun congreso do partido único Unión Democrática do Pobo Camerunés (RDPC), decidiuse a introdución do pluripartidismo, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade de prensa. A finais de 1990 liberáronse case todos os presos de conciencia; sen embargo, continuaban sen anunciarse novas eleccións democráticas malia estaren legalizados 25 partidos da oposición. En maio de 1991, tras unhas xornadas de desobediencia civil, Biya tomaba o control das sete provincias e, en setembro, ilegalizou todos os partidos políticos e pechou cinco xornais, o que motivou que unha comisión composta por membros das forzas democráticas da oposición ao réxime ditatorial iniciasen unhas xira internacional para convencer os EE UU, a Canadá e a Unión europea de que retirasen o apoio ao goberno de Biya. Tamén, durante 1991, se produciron choques fronteirizos con Nixeria. En outubro de 1992 tiveron lugar as primeiras eleccións presidenciais nas que gañou Biya entre acusacións de fraude electoral, o que motivou unha nova serie de protestas populares e que os EE UU retirasen unha axuda por valor de 14 millóns de dólares. En 1996, cando Biya se negou a aceptar a súa derrota nas eleccións, orixináronse de novo graves disturbios que foron violentamente reprimidos.