Camões, Luís Vaz de
Poeta. Na súa xuventude viviu en Lisboa onde frecuentaba a corte real. Despois de estar preso no cárcere do Tronco a causa dunha rifa cun empregado da corte, marchou para Oriente cara ao 1552. Dirixiuse a Moçambique en 1567 e volveu a Lisboa de novo en 1569. A súa obra abrangue todas as correntes artísticas e ideolóxicas do Portugal renacentista e as súas composicións líricas e mesmo as cartas, recollidas en cancioneiros particulares manuscritos, foron publicadas postumamente. En vida publicou o soneto “Vós, ninfas da gangética espessura”, e a oda e a elexía “Depois que Magalhães teve vencida”, inda que tamén é probable que escribise o soneto titulado “Ditosa pena como a mão que a guia”. A temática camoniana abrangue dende o amor, a morte, a relixión, a natureza, o destino, o paso do tempo ata a historia de Portugal. Coa súa lírica estableceu unha síntese entre a tradición peninsular e as innovacións métricas e estilísticas das tendencias italianizantes. Evitou o aristocratismo rebuscado dos poetas petrarquistas: o ton sentimental dos seus poemas está máis preto da tradición nacional ca da paráfrase de modelos italianos. Os sonetos, preto de douscentos, constitúen o cume da súa obra lírica onde se reflicte a vida amorosa do autor cun alento tráxico; entre eles destacan “Amor é um fogo que arde sem se ver”, “Alma minha gentil” ou “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades”. As cancións da súa autoría recibiron tamén influencias da escola petrarquista italiana, española e portuguesa, destacando títulos como “Vinde cá, meu tão certo secretário” ou “Junto de um seco, fero, estéril monte”. Nas églogas, estableceu un paralelismo claro coas obras de Virxilio e Sannazzaro, e foi máis fiel aos tópicos renacentistas. Nas odas, sobre todo na que comeza co verso “Pode un desejo imenso”, acadou os seus mellores momentos dentro do still nuovo italianizante. No poema épico Os Lusíadas (1572), a súa obra principal, cantou a formación do Imperio Portugués partindo da viaxe realizada por Vasco da Gama á India e as dificultades da súa travesía. Nesta epopea, onde o propio descubridor tamén é narrador das peripecias do pobo portugués, está presente a mitoloxía a través dos deuses Venus e Baco que posúen as paixóns características dos humanos e se enfrontan durante a viaxe de Vasco da Gama. Tampouco se esqueceu da crítica social e política, denunciando as inxustizas que sufría o pobo. Estruturalmente, a obra está dividida en catro partes: “Proposição”, “Invocação”, “Dedicatória” e “Narração”, respectivamente. A súa obra lírica foi publicada por primeira vez co título de Rhytmas de Luís de Camões en 1595 e nunha segunda edición de 1598. En ambas as ocasións a empresa foi custeada por Estevão Lopes e compiladas por Fernão Rodrigues Lobo Soropita, partindo de cancioneiros manuscritos. Cultivou tamén o teatro, do que só perviviron as comedias El-Rei Seleuco e Filodemo, próximas á maneira de Gil Vicente, e Anfitriões, de influencia clásica, adaptación da obra de Plauto titulada Amphitruo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso