Camp David, Acordos de
Resolucións adoptadas na reunión celebrada en setembro de 1978 en Camp David (Maryland), residencia oficial de vacacións do presidente de EE UU, entre o presidente exipcio, Anwar al-Sadat e o primeiro ministro israelí, Menahem Begin, baixo o patrocinio do presidente norteamericano Carter, co obxectivo de asegurar a paz en Oriente Medio. Despois de doce días de negociacións concluíronse dous acordos marco: o primeiro comprendía a retirada progresiva de Israel da península do Sinaí nun prazo non superior a tres anos; o segundo prevía a creación en cinco anos dun goberno autónomo palestino nos territorios ocupados por Israel na franxa de Cisxordania e Gaza. As distintas interpretacións dos acordos, o rexeitamento árabe e a intransixencia israelí impediron o total cumprimento do acordado.