campaniforme

campaniforme

(< lat campani- + -forme)

  1. adx

    Que ten forma de campá.

    Ex: O edificio estaba cheo de estruturas campaniformes.

  2. s m [PREHIST]

    Fenómeno asociado a uns tipos cerámicos incluídos na chamada “cultura do vaso campaniforme” que se difundiu por Europa occidental (Península Ibérica, Francia, Países Baixos e Illas Británicas), central (Bohemia, Polonia, etc) e por varias illas do Mediterráneo e no litoral do N de África (Marrocos, Alxeria) dende mediados do III milenio a C ata comezos do II milenio a C. Dende os primeiros estudios, iniciados por Á. del Castillo, P. Bosch Gimpera e, posteriormente, por E. Sangmeister, entre outros, non hai coincidencia sobre a definición do campaniforme; foi considerado como un fenómeno, unha civilización, un conxunto de varias culturas -ou mesmo como unha única cultura, un pobo- ou, simplemente, como unha moda cerámica. As hipóteses propostas oscilan entre as históricas, que se basean na idea de que o conxunto cerámico é unha produción doméstica que reflicte a unidade dunha poboación determinada, e as socioantropolóxicas, que reducen aos Países Baixos e a Gran Bretaña a existencia dunha poboación homoxénea; nos restantes casos falan de difusión asociada ás relacións sociais e ás elites locais, nas que as cerámicas actuarían como obxecto de luxo. A súa orixe tampouco está resolta: segundo as hipóteses de Á. del Castillo, estaría na Península Ibérica; sen embargo, estudios posteriores desprazaron esa área cara aos Países Baixos e o baixo Rin. Parece que tanto o campaniforme marítimo, con tres centros privilexiados situados nos Países Baixos, na Bretaña e no litoral atlántico galaico-portugués, como o AOC (all over cord) da Gran Bretaña, Bretaña e o val do Ródano, son os máis antigos, mentres que o CZM (corded zoned maritime) é un híbrido de ambos os dous. A serie cronolóxica completaríase con campaniformes incisos e rexionais, como a Begleitkramik de Europa central, os campaniformes da Europa setentrional, individualizados orixinariamente nos Países Baixos, os campaniformes ibéricos xurdidos do marítimo atlántico e o campaniforme ródano-renano. Ademais do vaso campaniforme, a cultura material campaniforme está composta por un conxunto de tipos cerámicos como a cunca e a cazola, e tipos metálicos como machadas, puñais ou puntas de frecha de cobre, obxectos de adorno en cobre e ouro, etc. En Galicia o campaniforme está documentado en máis de cincuenta xacementos, entre os que cómpre salientar o das Pontes de García Rodríguez; Parxubeira, en Mazaricos; Cova da Moura, en Noia; Forno dos Mouros, no Bocelo; diferentes localidades do Morrazo como Chan da Arquiña, Devesa de Abaixo, O Fixón e As Forcadas; Tecedeiras, en Lalín; Maus de Salas e Morcigueiras, en Muíños, etc.

  3. vaso campaniforme [ARQUEOL]

    Tipo de cerámica característico do Calcolítico. A súa forma lembra á dunha campá invertida. A súa decoración é diversa, variando dende a incisa (puntillada) ata estilos mixtos (puntillado-xeométricos), que, no caso da Península Ibérica, deu lugar a dous estilos característicos: Palmela e Ciempozuelos. Respecto á súa orixe, suponse que o vaso campaniforme sería un obxecto de intercambio en determinados grupos sociais polo seu prestixio, unha vez descartada a hipótese que o relacionaba cunha cultura en expansión por Europa. Distínguense un estilo internacional (2300-2100 a C) e diferentes estilos rexionais (2100-1800 a C). En Galicia recuperáronse vasos campaniformes en diferentes xacementos, entre os que destacan o das Pontes de García Rodríguez, Parxubeiras, Tecedeiras ou Maus de Salas.

Palabras veciñas

Campaniano | campaniano -na | campaniense | campaniforme | campanil | Campaniola | Campañó