Campo Domínguez, María del Pilar Trinidad
Mestra e poetisa. Asinou as súas obras como Marica Campo e compaxinou a creación literaria coa faceta de articulista en diversas publicacións como O Libelo, Escrita, Dorna, Artesonado ou Lucensia. Comezou no mundo do teatro coa publicación de O cazador de estrelas e Dous vellos e unha soia soidade, en colaboración con Xosé Manuel Carballo, representadas en 1976 e 1977, respectivamente. Posteriormente, en 1984, publicou a peza de teatro infantil O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano), coa que acadou unha mención de honra do Premio de Teatro O Facho. Deuse a coñecer como poetisa nos anos noventa, aínda que anteriormente escribira composicións lidas en recitais e algunhas delas musicadas. Colaborou co grupo A Quenlla e participou nas gravacións de Fuxan os ventos, musicando temas como Muller, Mencer, Dáme lume, Canción pra adormiñar a lembranza ou Fame, soedade e bágoas. Ademais, escribiu o libreto operístico A casa. En 1992 presentou o seu primeiro poemario Tras as portas do rostro, escolma do seu labor lírico entre 1971 e 1990. En 1996 participou no volume colectivo Mirando cara ao Miño co poema “Noticia da xacia Nilfe e do seu oráculo”. Como ensaísta interesouse por escritores como Ánxel Fole e en 1996, en colaboración con Bernardo Penabade, realizou unha edición do poemario Ansias de vento, de Gustavo Adolfo Lois Dosil. Achegouse tamén á narrativa curta con Confusión e morte de María Balteira (1996), libro que contén relatos distinguidos co Premio de Narrativa Meigas e Trasgos do concello de Sarria nas edicións de 1986, 1987, 1988 e 1989, e participou no volume colectivo Contos no camiño (1996) co relato “Mulleres no camiño”. Recibiu o Premio de Poesía Chao Ledo do concello de Vilalba (1977 e 1979), o Premio de Poesía Camiño de Santiago (1982), o Premio de Poesía de Begonte (1978, 1980 e 1981) e o Premio de Poesía Meigas e Trasgos do concello de Sarria (1990).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Val do Mao, Incio