Camposancos, San Cristovo de

Camposancos, San Cristovo de

Igrexa parroquial situada en Lalín. De estilo románico, construíuse arredor de 1170. Unha cuarta parte desta igrexa foi doada por Arias Núñez ao mosteiro de Carboeiro. Conta cunha nave e cunha ábsida formada por dous tramos, un recto e outro semicircular. O primeiro, cuberto con bóveda de canón, únese coa nave mediante un cóbado amodo de contraforte. O tramo semicircular, con bóveda de forno, está compartimentado en tres panos mediante dúas columnas entregadas. A nave ten cuberta de madeira de época posterior á súa construción. O arco triunfal é de medio punto peraltado e dobrado. No muro meridional hai un arco tapiado, sinal dunha primitiva porta. A porta occidental é de medio punto. A portada principal ten un tímpano pentagonal. No exterior o arranque da bóveda de canón amósase por medio dunha imposta de billetes. A espadana é barroca.