1 can
(
-
[ANIMAL]
-
s
m
Mamífero carnívoro de aspecto, forma e pelame moi diversos segundo as razas. Os cans actuais seica proveñen, segundo numerosas descubertas atopadas en escavacións de poboados neolíticos, de especies salvaxes domesticadas na Prehistoria polo home. O can das turbeiras (Canis palustris) conviviu co home na Idade de Pedra; atopáronse restos nuns xacementos de turba que datan do Paleolítico. Do Bronce coñécese o Canis matrisoptimae, do que se cre que proveñen os cans pastores. Nos cans actuais persisten algúns costumes ancestrais, aínda que perderon a maioría; por exemplo, continúa dunha maneira pouco definida a fixación do territorio cos ouriños e o seu antigo réxime carnívoro converteuse en omnívoro. O can non ten glándulas sudoríparas, polo que regula a temperatura a través dos pulmóns, da mucosa bucal e da lingua. Dos sentidos destacan, en primeiro lugar, o olfacto, e despois, o oído e a vista. Ten capacidade reprodutora dende o primeiro ano, pero convén que a femia non se cruce ata os dous anos. O celo maniféstase na primavera e no outono, e dura doce días. A xestación dura nove semanas, e en cada parto paren de catro a seis cadelos; as crías nacen coas pálpebras pechadas por unha membrana que tarda dez ou doce días en romperse. O período de lactancia dura seis semanas e, ao cabo de tres, empezan a desprazarse. A vida media dun can é de doce ou trece anos, aínda que excepcionalmente pode chegar a vinte. Existen máis de 340 razas de cans agrupadas, segundo criterios de utilidade, en cans pastores, de garda e defensa, de caza, de rastro e de compañía. Os cans de caza, o grupo máis numeroso, son animais axeitados para acompañar os cazadores de escopeta, poden levantar as presas ou recollelas logo de seren abatidas; clasifícanse en cans de mostra, que son os que sinalan a posición da peza ao manterse inmóbiles; e cobradores, especializados en recuperar as pezas unha vez abatidas, entre os que destacan os spaniels, os setters e os pointers; por outra banda, os rastrexadores, que perseguen a peza entre a vexetación ou a fan saír do tobo, divídense en coelleiros, desencovadores, lebreiros ou terriers, orixinarios das Illas Británicas e que, polo seu carácter teimudo e agresivo, son os que se empregan para sacar dos tobos a raposos e teixugos; entre os que cazan co olfacto destacan os bloodhounds, os beagles e os foxhounds e, entre os que cazan coa vista, os galgos, os afgáns e os salukis. Entre os cans de traballo destacan o pastor collier ou o pastor alemán; entre os cans de tiro, os esquimós, os malamutes e os samoiedos; entre os cans de garda, os sambernardo, montaña dos Pireneos, os dobermann e os pinschers; finalmente están os cans de compañía como os pequineses, os malteses, os yorkshires, os dálmatas, os chow-chow e os caniches. O home utiliza o can para moitas funcións pola forza física, pola rapidez, pola valentía, pola lealdade e pola intelixencia; entre estas funcións están gardar rabaños, casas ou propiedades, guiar invidentes, detectar drogas, rescatar víctimas de catástrofes, etc. Símbolo de fidelidade, aparece nas representacións escultóricas sepulcrais ao pé dos xacementos. Nalgúns países asiáticos, principalmente na cociña chinesa e filipina, existe certa tradición de consumo da súa carne, sobre todo asada. En China, en concreto, goza de grande aprecio a da raza chow-chow.
-
can adoecido/doente/danado
Can que ten a rabia.
-
can chino
Can pequeno que non ten pelo no seu corpo.
-
can de palleiro
Can do país, especialmente idóneo para gardar a casa.
-
s
m
-
s
m
[PESCA]
Arte de pesca que consta dun aparello con forma de angazo que, a medida que se arrastra polo fondo do mar, vai apañando diversos tipos de mariscos, como ameixas, berberechos, longueiróns, etc, que quedan depositados nunha rede que leva detrás.
- s m [NUMIS]
-
s
m
[ANIMAL]
Denominación vulgar que recibe o berberecho macho.
-
[ETN/ESOT]
-
can branco
isión que aparece de noite á xente, á que mira tristemente, e que é sinal de bos presaxios.
-
can do urco
Animal mitolóxico de ultratumba, especie de gardián de grandes proporcións e de mal agoiro.
-
can negro
Imaxe en forma de can negro que se aparece nos camiños á xente e que agoira unha desgracia.
-
can branco
Frases feitas
-
Botarlle os cans a alguén. Recibir mal a alguén e botalo fóra, como se se lle encirrase un can.
-
Cariñento coma un can. Ser dócil e agarimoso.
-
Coma ir a caza sen can. Perder o tempo nalgún negocio do que non se vai sacar proveito.
-
Espertar o can que dorme. Buscar problemas.
-
Meter os cans na bouza. Encirrar máis aos que discuten
-
Morrer adoecendo coma un can/Morrer coma un can de rabia. Levar mala morte, morrer entre grandes dores.
-
Morrer coma un can. Morrer alguén só e abandonado.
-
Nin os cans paran. Tempo no que vai moito frío.
-
. Correr a un coma un can. Perseguir a alguén sen tregua.
-
. Meter os cans no río. Provocar discordia, complicar un asunto.
-
Can sen dono. O que leva vida de vagabundo.
-
Cara de can. Cara de poucos amigos.
-
Contarlle os pelos a un can. Facer algo inútil, en balde
-
É un can merendeiro. Persoa que anda con contos e aproveita calquera ocasión para que o conviden a comer.
-
É un can vello no lugar. Persoa que coñece a vida de todos os veciños da aldea.
-
Facer como os cans grandes cos pequenos. Actuar coma as persoas fortes e poderosas que desprezan os ataques dos máis débiles ca elas.
-
Levarse coma cans e gatos. Levarse mal.
-
Non hai can que a roia. Cousa que non se pode crer.
-
Non quedou can tras palleiro que non cachease. Buscar algo de maneira exhaustiva.
-
Non vale o rabo dun can. Aplícase a algo que non vale nada ou a unha persoa á que non se ten en conta.
-
O meu can pillou unha mosca cando pillará outra? Dise cando unha persoa fachandea de máis por algo que lle saíu ben de casualidade.
-
Parecer un can sen dono. Persoa que anda sempre soa e que non ten amigos.
-
Poñer a un como un can. Maltratar a alguén de palabra.
-
Poñerse feito un can. Enfadarse moito.
-
Resultoulle un can calzado. Saír burlado ao intentar facer algo.
-
Saír a cadela can. Saír un asunto do revés.
-
Ser un can vello. Ter experiencia abonda, ser cauto e astuto.
-
Ser unha cadela coma un can. Ser ruín cunha persoa.
-
Ter carne de can. Persoa que resiste calquera infortunio.
-
Tratar coma un can a un. Maltratar ou desprezar a alguén.
-
Volver ao pasado como o can ao trousado. Reincidir nalgún vicio.
Refráns
- . O can de boa raza pensa no pan e na caza.
- A can que os dentes regaña, dálle pan ou tallada.
- Anque o caD: ten catro patas, por un só camiño anda.
- Ben está o can, cando non quere pan.
- Can de palleiro non quere compañeiro.
- Can doente non coñece a xente.
- Can que moito ladra, ruín é para a casa.
- Can que moito lambe tira o sangue.
- Can que non ventea, non lebrea.
- Can que ten a nai na aldea, moito oubea.
- Can que vai a moitas vodas, non pode comer en todas.
- De can, cadela; e de cadela, can.
- Mentres o can dorme, o lobo mata e come.
- Nunca falta un can para unha merenda.
- Nunca o can morde a cadela.
- O can coa onda a seu dono se toma.
- O can de hortelán non come as verzas nin deixa collelas para comelas.
- O can de Xan Torrado canto fai cos pes desfaino co rabo.
- O can do hortelán nin famento nin farto deixa de ladrar.
- O can oubea e o burro ornea.
- O galgo á larga a lebre mata.
- O galgo, a pasiño, camiña máis, e o cadelo, galgando, queda atrás.
- O que non queira cans á porta, que bote a cadela fóra.
- O que non queira ter cans á porta, que bote a cadela fóra.
- O que ten medo merca can.
- Se che din que o teu can está doente, mata axiña o can, Vicente.
- Se ten medo o galán, bota fóra o can.
- Tres anos de can novo e tres de bo can; tres anos de can vello e tres de folgazán.