Canalejas Méndez, Xosé
Avogado e político liberal. Doutor en Dereito e Filosofía e Letras, dende moi novo dedicouse ao xornalismo político: fundou El Demócrata e dirixiu El Heraldo de Madrid. Vinculado ao partido republicano, pasou máis tarde ao partido liberal. Deputado desde 1881, ocupou a subsecretaría da presidencia do goberno de Posada Herrera (1883) e foi ministro con Sagasta, etapa na que se encargou das carteiras de Fomento, Gracia e Xustiza, Facenda e Agricultura. En 1903 apoiou a Uxío Montero Ríos na loita entre faccións que se abriu no partido para suceder a Sagasta. Foi presidente do Congreso de los Diputados (1905-1906) e presidente do Consello de Ministros (1910-1912). Recoñeceu a necesidade de negociar cos representantes do movemento obreiro e elaborou diversas leis de protección social sobre xornadas máximas de traballo, sobre o emprego das mulleres, os contratos de aprendizaxe, etc. Intentou reducir o papel político do exército. Trala súa morte, víctima dun atentado perpetrado polo anarquista Manuel Pardiñas, acelerouse a crise definitiva do réxime da Restauración. Publicou, entre outras obras, Apuntes para un curso de Literatura latina (1874) e Derecho parlamentario comparado (1888). Foi decano do Colegio de Abogados de Madrid, tres veces presidente da Real Academia de Legislación y Jurisprudencia, académico da Academia de Ciencias Morales y Políticas e da de Lengua, e presidente do Ateneo de Madrid.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : Madrid