Canarias

Canarias

Arquipélago do Océano Atlántico, situado fronte ás costas noroccidentais africanas, que constitúe unha comunidade autónoma española (7.273 km2; 1.606.534 h [1996]). Está integrado por sete grandes illas: Lanzarote e Fuerteventura no L; Gran Canaria e Tenerife, as máis grandes, no centro; e La Gomera, El Hierro e La Palma, as máis pequenas, no O. Administrativamente está dividida entre as provincias de Santa Cruz de Tenerife (que abrangue as catro últimas illas e acolle unha poboación de 772.449 h [1996]) e Las Palmas de Gran Canaria (que inclúe as illas de Fuerteventura, Lanzarote e Gran Canaria, con 834.085 h [1996]).
Xeografía física
O arquipélago canario é de orixe volcánica; as súas illas formáronse a través dunha serie complexa de erupcións na dorsal oceánica, que seguiron un esquema xeral de tres fases: unha primeira fase deu orixe a un groso manto de rochas básicas (basaltos, diabasas), unha segunda fase de rochas ácidas (fonolitos), cubriu en parte os materiais básicos, e finalmente, unha terceira fase, iniciada no Plioceno, deu de novo orixe a formacións basálticas. Na Montaña del Fuego e no volcán do Timanfaya a temperatura superficial é tan elevada que chega a queimar a vexetación. As formas do relevo características son: as caldeiras, como a de Taburiente, os conos de cinsas, as áreas de malpaíses, os campos de escouras e os roques. A actividade volcánica aínda non se detivo. En época histórica (dende o s XVI), rexistráronse varias erupcións de consideración: as crónicas recollen novas de erupcións en Lanzarote entre 1730 e 1736, e en Tenerife; a última grande erupción foi a do Teneguía, na illa de La Palma en 1971. O relevo, por mor da tipoloxía estratovolcánica das erupcións que formaron a illa, é moi montañoso, e acada grandes altitudes, como o Teide, na illa de Tenerife, que cos 3.718 m do seu cumio é a máxima cota de España. As costas, tamén por mor da natureza volcánica do rochedo, son escarpadas, con poucos portos naturais. O clima é tropical, caracterizado por unha moderación térmica mantida uniformemente todo o ano: a temperatura media anual é de 25°C. En canto ás precipitacións, malia a súa posición oceánica, os rexistros pluviométricos sons escasos debido á súa situación latitudinal nunha zona dominada polos ventos alisios do SL, que proceden do ambiente seco do deserto sahariano; cando se atopa baixo o dominio dos ventos húmidos do NO, os grandes edificios volcánicos das principais illas convértense en barreiras infranqueables para as frontes, de xeito que só as costas setentrionais reciben chuvias escasas, pois as zonas meridionais quedan practicamente á marxe delas. Polo que respecta á hidroloxía, a ausencia de precipitación supón que non haxa ríos, e canalízanse as augas de arroiada en barrancos ou torrentes. En canto aos mananciais e ás augas freáticas, a natureza das rochas fai que as segundas practicamente non existan, mentres que os primeiros son bastante escasos, de xeito que o abastecemento de auga é un dos principais problemas que se lles presenta ás autoridades locais.
Medio Ambiente
A orixe volcánica das Islas Canarias, pertencentes á rexión macaronésica, repercute directamente na súa natureza, xa que todas as especies proceden dunha colonización posterior á súa formación. Estas condicións de partida, que limitan a posibilidade de aparición de numerosos organismos, como no caso dos grandes vertebrados terrestres, favorecen, sen embargo, os procesos de especiación e formación de especies endémicas nos taxons que conseguen subsistir na súa chegada ás illas. De feito, as Islas Canarias constitúen a cuarta rexión mundial en canto ao número de especies endémicas vexetais. Os cumios permiten, en pouco espacio, unha riqueza de situacións climáticas e, xa que logo, de ecosistemas, que se reflicten nunha vexetación ordenada segundo as seguintes zonas: un semideserto subtropical, de afinidade sahariana, estendido principalmente polas illas orientais; unha zona de matogueiras con plantas subtropicais cactiformes que chegan ata os 400 m de altitude; un piso de bosque laurifolio, subtropical e moi degradado, integrado por numerosas especies de árbores entre as que destaca pola súa singularidade o loureiro canario; na parte máis meridional das illas e nas zonas elevadas (ata os 2.000 m), os laurifolios substitúense polo piso do piñeiro canario. O piso de matogueiras de xestas ocupa a montaña entre os 2.000 e os 2.600 m. Máis arriba, e só no Teide, preséntase un piso de semideserto alpinoide substituído posteriormente por un piso de criptógamas onde só están presentes algúns liques. Entre as 8.500 especies de invertebrados presentes na illas, o maior número de endemismos dáse entre os coleópteros. Entre as aves destaca a presenza do pimpín azul, falcón de Leonor, falcón tagarote, aguia pescadora, gaivota patiamarela, pardela chica, pardela de Bulwer, ortega, corredor, chasca canaria, avetarda húbara, pomba rabiche, pomba turqué e o ferreiriño canario. Entre os réptiles, o lagarto de Hierro, e entre os mamíferos, o furafollas canario. O dromedario e o resto dos grandes mamíferos foron introducidos polo home en datas relativamente recentes. Parte do valioso patrimonio natural co que aínda contan as Islas Canarias, ten consideración de espazo protexido como nos casos do Parque Nacional de la Caldera de Taburiente, o Parque Nacional de las Cañadas del Teide, o Parque Nacional de Garajonay e o Parque Nacional de Timanfaya.
Xeografía económica e economía
Os solos son moi ricos para os cultivos pero, por mor da falta de auga, hai que construír pozos, galerías subterráneas e encoros para almacenala. A superficie cultivada, que representa o 8,2% do total do arquipélago, está dedicada tanto ao secaño (43%) como ao regadío (57%). A produción agrícola destínase principalmente á exportación e baséase en cultivos moi especializados, como o plátano, ou os produtos hortifrutícolas, especialmente os tomates, que teñen unha boa saída ao exterior, sobre todo cara ao mercado peninsular. A gandería e a explotación forestal teñen escasa relevancia, mentres que a pesca é unha importante fonte de ingresos. As industrias principais son as derivadas da pesca (conservas, salgaduras) e da agricultura, e concéntranse nas dúas capitais provinciais. En Santa Cruz de Tenerife cómpre destacar tamén unha importante refinería de petróleo. Non obstante , a evolución económica das illas quedou moi vinculada ao turismo, que tivo un gran crecemento desde os anos setenta e provocou un acusado aumento do sector terciario, como o amosan as cifras de poboación activa. O 9% da poboación dedícase ao sector primario, outro 9% á industria, o 8% á construción e o 74% ao sector terciario. O turismo, maioritariamente en mans de capitais estranxeiros, nótase especialmente no inverno debido ao clima benigno do arquipélago. Hai cinco aeroportos internacionais: en Fuerteventura, en Lanzarote, nas Palmas, e dous en Tenerife. Os portos máis importantes, tanto pesqueiros como de mercadorías, son o da Luz, o de Las Palmas de Gran Canaria e o de Santa Cruz de Tenerife. Por mor dos atrancos que a súa insularidade provoca no abastecemento de produtos e a repercusión do transporte nos prezos, o arquipélago goza dun réxime fiscal especial, de zona franca, que libera dos aranceis a todas as mercadorías importables e deixa exentos de impostos o tráfico de empresas e a compensación de gravames interiores. Tampouco se aplican o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), nin os impostos especiais sobre os carburantes, substituídos polo Impuesto General Canario (IGC), cun tipo máis baixo e recadado pola Administración autonómica.
A xeografía humana
A poboación indíxena máis antiga das illas eran os guanches. Coa conquista castelá produciuse unha forte mestizaxe. A elevada densidade da poboación (205 h/km2) débese á alta natalidade, á baixa mortalidade e a un saldo migratorio positivo. A evolución da poboación nos últimos anos do s XX reflicte un gran dinamismo, propiciado pola forte capacidade de xeración de emprego nos sectores de actividade vinculados ao turismo, de xeito que o continxente demográfico se incrementou entre 1986 e 1996 en máis dun 9,5%, nun proceso que foi especialmente intenso nas illas de Fuerteventura e Lanzarote, que experimentaron incrementos neste período do 34,64% e do 35,99%, respectivamente, como consecuencia dun espectacular desenvolvemento turístico favorecido pola saturación á que se chegara noutros puntos do arquipélago e aos atractivos naturais que lles confería a súa preservación á marxe do turismo de masas. Tan só a illa de La Gomera rexistrou unha evolución demográfica negativa neste intervalo. A poboación canaria, debido ás transformacións na súa estrutura económica, é eminentemente urbana, distribuída fundamentalmente pola orla costeira. A distribución da poboación é moi desigual; nas illas orientais e occidentais é escasa, agás nas capitais insulares: Puerto del Rosario (capital de Fuerteventura 19.030 h), Arrecife (capital de Lanzarote, 38.091 h), Santa Cruz de la Palma (capital de La Palma 17.265 h), San Sebastián de la Gomera (capital de La Gomera 16.978 h) e Valverde (capital de El Hierro, 3.929 h). Pola contra, as illas centrais, as máis grandes, Tenerife (665.596 h) e Gran Canaria (713.768 h), son as máis poboadas, especialmente na costa e nos vales setentrionais máis húmidos.
Historia
Os habitantes das Islas Canarias anteriores á chegada dos europeos no s XV constitúen o único caso dun pobo próximo aos territorios das civilizacións do Próximo Oriente que se mantiveron en pleno Neolítico ata a entrada da Idade Moderna. A cultura canaria presenta un conxunto de características comúns a todas as illas, uns elementos que poderían denominarse pancanarios, a carón doutros exclusivos dunha ou dalgunhas illas. A primeira vaga de poboación presenta unhas características antropolóxicas moi similares ás dos homes da raza de Mechta-el-Arbi do norte de África, de onde probablemente procedían. O tipo humano que os antropólogos adoitan chamar guanche chegou ás Canarias nunha fase avanzada do Neolítico desde o noroeste de África. As características comúns a todas as illas foron a vida en grupo e o rito da momificación dos cadáveres, que en Gran Canaria se enterraban en covas naturais ou artificiais. Algunhas illas presentan elementos especiais como son as poboacións en casas de pedra en Gran Canaria e Lanzarote ou os enterramentos baixo os túmulos en Gran Canaria, que cómpre atribuír a unha onda de poboación tardía non moi anterior á era cristiá. A rudimentaria cultura material está composta por instrumentos de pedra mal tallados (tabonas), ou de madeira e cerámica con formas e decoracións primarias (excepto a de Gran Canaria). A cultura material de Gran Canaria, cos ídolos e cos gravados rupestres estilizados e antropomorfos, baséase en elementos que semellan de orixe mediterránea e ligan tipoloxicamente coa cultura metalítica do comezo do segundo milenio a C. As Islas Canarias, coñecidas polos pobos clásicos, esquecéronse ata que os árabes as redescubriron no s XI. Os cristiáns chegaron no s XIV e o primeiro que desembarcou foi o xenovés Lanzarotto Malocello (1312), de quen recibiu o nome a illa de Lanzarote. Despois del sucedéronse expedicións portuguesas, mallorquinas e italianas. En 1344 Clemente VI outorgou as illas ao infante castelán Luis de la Cerda, que tentou sen éxito a conquista que non comezaría verdadeiramente ata principios do s XV. Os normandos Jean de Bethencourt e Gadifer de la Salle conquistaron Lanzarote en 1402 e coa axuda de Enrique III de Castela, a quen prestaron vasalaxe, tomaron posteriormente Fuerteventura, Gomera e Hierro. No 1406 Bethencourt retirouse a Francia e deixou como lugartenente o seu neto Maciot, que deseguido se viu reducido en Lanzarote polos armadores sevillanos que ocuparon as catro illas menores. Estas pasaron a mans dos señores de Peraza, que cederon os seus dereitos de conquista sobre as illas maiores á Coroa castelá en 1477. A custosa conquista das illas maiores por Castela iniciouse en 1478 alternando na súa dirección Juan Rejón e Pedro de Algaba. As rivalidades entre os casteláns unida á resistencia indíxena alongaron o proceso de conquista: Gran Canaria caeu no 1492, e coa toma de Tenerife por Alonso Fernández de Lugo rematou a conquista no 1496. As Canarias quedaron divididas en illas de señorío e de reguengo: as tres illas maiores tiveron, cando se extinguiron os adiantados nomeados na primeira época, gobernadores reais, e as outras estendéronse baixo a xurisdición dos descendentes da dinastía Peraza (marqueses de Lanzarote e condes de Gomera) ata ser incorporadas á Coroa por Carlos III. En 1527 creouse a audiencia de Canarias con sede en Las Palmas. A prosperidade das illas, favorecida polo libre comercio con América e o cultivo da cana de azucre, interrompeuse polos ataques dos piratas portugueses, franceses e alxerianos. Como solución, no 1589 concentraron no cargo de capitán xeneral de Canarias o mando das tropas e a presidencia da audiencia, e reducíronse os gobernadores a corrixidores. A competencia da produción americana no cultivo da cana de azucre levou á substitución deste produto pola vide cunha produción orientada á exportación, especialmente ao mercado británico no s XVII. No s XVIII Canarias experimentou unha profunda crise motivada polo peche do mercado británico aos seus viños, por unha sucesión de catástrofes naturais e polas limitacións ao comercio con América. Os capitáns xenerais establecéronse en Tenerife no s XVIII, feito que motivou o traslado da capitalidade do arquipélago, xa no s XIX, a Santa Cruz de Tenerife. O arquipélago non recuperou a normalidade ata mediados do s XVIII, cando xurdiron diversos intentos de creación dunha nova universidade. Durante o s XIX as tensións pola capitalidade provincial entre Santa Cruz de Tenerife e Las Palmas foi en aumento ata chegar á partición en dous distritos administrativos entre 1852 e 1858. Canarias deulle unha nova orientación á súa economía coa aclimatación da cochinilla no 1860, pero esta nova etapa de prosperidade durou pouco ata que se iniciaron os cultivos especializados de tabaco, plátanos e tomates. A aspiración de Santa Cruz de Tenerife de constituír unha nova provincia acadou un éxito parcial cando as illas recibiron o réxime especial dos cabidos insulares no 1912. Para resolver definitivamente as tensións con Las Palmas creáronse en 1927 dúas provincias, unha con capital en Las Palmas e constituída polas illas de Gran Canaria, Lanzarote e Fuerteventura. O acordo tripartito sobre o Sáhara Occidental de 1975, a problemática posterior do banco pesqueiro sahariano, os tratados hispano-marroquís de 1977 e os investimentos marroquís no arquipélago reformularon as relacións entre as illas e o continente africano, cuestión que debateu a Organización da Unidade Africana. Por outra banda, o ingreso de España na OTAN (1982) revalorizou o interese estratéxico das illas. A resposta interna a estas cuestións foi unha reafirmación do sentimento nacionalista fronte ao centralismo español, aos intereses da OTAN e ao neocolonialismo marroquí. Canarias obtivo un réxime preautonómico en marzo de 1978. A elaboración do Estatuto foi, sen embargo, moi complicada tanto a causa das diferencias entre os partidos hexemónicos como polas duras polémicas entre as diversas illas. O acordo final non se acadou ata maio de 1982. A capitalidade rexional repartiuse entre Santa Cruz de Tenerife e Las Palmas e respectou o seu réxime fiscal e a organización en cabidos insulares, aínda que cunhas competencias lixeiramente recortadas. O Estatuto aprobouno o Congreso de los Diputados en xuño de 1982 e o Senado en xullo do mesmo ano. Canarias converteuse en comunidade autónoma en agosto de 1982. O primeiro goberno dominado pola UCD con Francisco Ucelay como presidente deu paso, despois das eleccións xerais do 28 de outubro, a un goberno socialista con elementos independentes presidido por Jerónimo Saavedra (PSOE). As primeiras eleccións autonómicas do 8 de maio de 1983 gañounas o PSOE e J. Saavedra foi reelixido. En 1987, a pesar de gañar o PSOE as eleccións, unha coalición do CDS (Centro Democrático e Social), AP (Alianza Popular) e AIC (Agrupación de Independientes de Canarias) tomou o goberno, que presidiu primeiro Fernando Fernández Martín e despois Lorenzo Olarte Guillén (ambos os dous do CDS). A raíz das eleccións autonómicas de 1991, unha coalición dos socialistas (que gañaran de novo) e o AIC fixo retornar á presidencia a J. Saavedra. En abril de 1993 unha moción de censura e un cambio no equilibrio de forzas (o AIC retirouse da coalición) deron a presidencia a Manuel Hermoso, do AIC, quen se confirmou no cargo despois das eleccións autonómicas de 1995, nas que gañou Coalición Canaria.
Arte
Poucos restos artísticos se conservan dos tempos anteriores á chegada dos europeos, agás unha serie de pinturas rupestres e pedras gravadas. A arquitectura canaria empregou como material básico a madeira. Unha mostra do escaso emprego da pedra é o convento de San Francisco en Teguise (Lanzarote), onde foi usada na construción de columnas, arcos e no pavimento. Como mostra da arte gótica destacan a catedral de Las Palmas de Gran Canaria e o castelo de San Gabriel de Arrecife. A igrexa da Conquista en La Laguna é mudéxar, mentres que as de San Agustín en Icod de los Vinos (Tenerife) e San Francisco (Santa Cruz de Tenerife) son barrocas. No eido da arquitectura civil destaca o Palacio de Carta (Santa Cruz de Tenerife) do s XVII. Entre as intervencións arquitectónicas e urbanísticas que se acometeron durante os ss XIX e XX, sobresaen os barrios modernistas de Triana (Las Palmas de Gran Canaria) e de Los Hoteles (Tenerife). Cómpre salientar as intervencións de César Manrique en Puerto de La Cruz e Lanzarote. Entre as institucións museísticas destacan en Las Palmas de Gran Canaria o Centro Atlántico de Arte Moderno (CAAM), inaugurado en 1989, a Casa de Colón e o Museo Canario, e en Santa Cruz de Tenerife o Museo Arqueológico e o Museo de Ciencias Naturales.