Canberra

Canberra

Capital federal de Australia, que forma un estado propio, situada nunha chaira nos contrafortes dos Alpes Australianos, á beira do río Molonglo (2.400 km2; 332.100 h [1995]). O territorio da cidade e o distrito federal foron cedidos á federación polo estado de Nova Gales do Sur. En 1908 elixiuse a súa localización e en 1913 iniciouse a construción, paralizada durante a Primeira Guerra Mundial. En 1927 foron trasladados alí os organismos administrativos desde Melbourne. O deseño da cidade é un exemplo de plano urbano semicircular, obra do arquitecto Walter Griffin, formado por dúas partes: nunha sitúase o centro político e administrativo, e na outra o centro comercial.